Aprender a xogar sen tele

BARBANZA

Sete persoas maiores explicáronlle aos nenos de Cespón como era a vida sen consolas nin ordenadores

13 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Aínda que os nenos de hoxe en día sexan incapaces de pasalo ben sen ter unha videoconsola ou un ordenador, os seus avós saben que é posible. Para facerllo entender aos cativos, sete persoas maiores que acoden á aula de educación de adultos que ten en marcha o Concello de Boiro desprazáronse onte ata o colexio de Cespón para ofrecerlle aos alumnos unha lección teórica e unha sesión práctica sobre os xogos tradicionais.

Consuelo Iglesias Fernández foi a encargada de abrir a xornada, explicándolle aos máis de cen escolares de Cespón como era a escola na súa época. Os críos quedaron sorprendidos ao saber que os seus avós non tiñan que ir cargados ao colexio, posto que so tiñan un libro, e nas clases aprendían a ler, a escribir e pouco máis.

Pero o que realmente impresionou aos nenos de Cespón foi ver e comprobar como gozaban os seus antepasados do tempo libre. Sete avós explicáronlles a practicar diversas actividades tradicionais como carreiras de sacos, bolos, lanzamento de arcos e pelouros, e incluso lles amosaron as técnicas para confeccionar bonecas de trapo.

Recorrendo á natureza

Ademais de para pasalo en grande, a xornada didáctica serviu para que os cativos se deran conta de que a natureza era a fonte de riqueza principal para os nenos de antano á hora de gozar do seu tempo libre, xa que cunhas cantas pedras ou con pedazos de madeira, eran capaces de xogar ao longo de varias horas.

A actividade que tivo lugar onte no colexio de Cespón non é a única de carácter pedagóxico que protagonizarán os usuarios da escola de adultos de Boiro. A partir do mércores, os maiores desprazaranse aos institutos de Espiñeira, Barraña e A Cachada para participar nunhas sesións sobre o movemento do volfram en Galicia e sobre a vida nas épocas da Guerra Civil e da posguerra.

Nos tres centros educativos está previsto que se proxecten os vídeos A memoria nos tempos do volfram e Cores . Despois do visionado destas cintas, os avós farán unha explicación sobre a situación social, económica e política da época, para narrar despois as súas experiencias persoais.

O obxectivo destas actividades promovidas pola aula de adultos de Boiro é darlle ás persoas maiores a posibilidade de interactuar cos nenos e cos mozos.