Protección Civil ensina aos escolares ribeirenses como deben reaccionar e actuar en situacións de emerxencia
09 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.José Alonso, oficial da Policía Local de Ribeira, é o encargado de instruír aos escolares en cuestións viarias nas clases que imparte cada semana nos distintos centros educativos do municipio. Pero nas charlas desta semana incluíu unha sorpresa para os seus alumnos, que non esperaban que Alonso viñera acompañado por dous membros do Servizo Municipal de Protección Civil.
José Antonio Sobrado e Francisco José Rodríguez recorren dende comezos desta semana as aulas dos colexios ribeirenses para ofrecer aos escolares clases de prevención nas que aportan directrices sobre como actuar en caso de emerxencia.
Entre os cativos que xa tiveron a oportunidade de asistir a estar charlas están os alumnos da clase de 3ºA do colexio Galaxia. Con gran expectación, xa que os membros de Protección Civil chegaron á escola con cascos, bombonas de osíxeno e demais aparellos necesarios en caso de emerxencia, os cativos escoitaron atentamente as explicacións de José Antonio Sobrado e Francisco Rodríguez.
Lumes
Un dos temas que se tratan nestas charlas é como actuar en caso de incendio, materia na que os cativos tiñan xa algo adiantado grazas ás charlas e simulacros que organiza o propio centro. Aínda así, Protección Civil conseguiu despexar algunhas das súas dúbidas como por qué hai que pechar todas as portas ao ir saíndo dunha casa incendiada ou tamén qué facer en caso de quedar atrapados dentro.
Ademais, tamén se ensinou aos cativos como utilizar o teléfono de emerxencias (112) e que poden chamar aínda que o seu móbil non teña batería.
Tralas explicacións chegou o momento de poñer a proba a atención prestada polos cativos mediante as preguntas que se lles foron plantexando, e que incluían premio para aquel que dese a resposta correcta. Non contentos con demostrar os seus amplos coñecementos, reforzado polos folletos informativos que lles deran ao inicio da clase, os cativos contaron as súas experiencias, coma Alfredo, cuxa casa se incendiou mentres estaba no colexio sen que se produciran grandes danos, ou Miguel, que viu as chamas de preto nun incendio forestal que a piques estivo de chegar á súa vivenda.
Material
Ademais de falar de incendios, a charla incluíu nocións sobre como actuar ante un temporal, tanto se se está no interior dunha vivenda coma no exterior, ou consellos para previr situacións de risco nas praias. Para isto, os membros de Protección Civil levaron flotadores coma os dos socorristas ou as bandeiras que sinalan se é perigoso bañarse.