O artesán sonense Xosé Piñeiro impartiu un obradoiro de confección e afinación de palletas no Faiado
30 abr 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Conseguir que a arte que envolve ao mundo da gaita non se perda co paso dos anos é o reto que se fixou a asociación cultural O Faiado. Para logralo, a entidade levou a cabo o pasado fin de semana un obradoiro de confección e afinación de palletas, unha iniciativa que xa desenvolvera con éxito o ano pasado.
Nesta segunda edición, sumáronse ás clases oito gaiteiros, entre eles varios integrantes de Arume, así como membros do grupo de música antiga Os Menestreis e o artesán de Sirves José Lobeira. De impartir as proveitosas leccións encargouse Xosé Piñeiro Pérez, un veciño de Nebra que dedica boa parte do seu tempo á construción de instrumentos musicais galegos, sobre todo gaitas e zanfonas.
O currículo deste mestre, que se iniciou no mundo da artesanía da man do seu pai, é moi amplo. Estudou gaita na Escola de Música Tradicional de Porto do Son, con Pepe Romero, e foi el quen o animou a compaxinar a súa formación coa construción do instrumento galego por excelencia.
Xosé Piñeiro tamén estudou zanfona no conservatorio Fol de Lalín e forma parte da agrupación Suevia dende a súa constitución, en xullo do 1998. A todo isto hai que engadir a publicación de varios artigos e a participación en encontros celebrados en Tolosa ou Guitiriz.
Contido do curso
O artesán explicoulle aos alumnos que se deron cita no local do Faiado, case todos profesores de música, as técnicas a empregar para a colleita e o secado das canas, a preparación das pezas, o atado e a afinación. O obxectivo é que estes mestres lle dean continuidade ao labor de confección de palletas.
O obradoiro foi moi proveitoso, sobre todo para os integrantes do grupo Os Menestreis, posto que a día de hoxe teñen serias dificultades para atopar palletas coas que montar os antigos instrumentos que tocan.
Á xornada didáctica, que se prolongou durante case dez horas, non faltou a presidenta da asociación O Faiado, Luisa López, que destacou o éxito da iniciativa: «Como xa pasara o ano pasado, todos os participantes quedaron moi satisfeitos, xa que a súa ilusión tamén é conseguir que a arte de tocar a gaita perviva e para iso é preciso que os mozos saiban os pasos a dar para construír este instrumento». Non dubida en repetir a experiencia o ano que ven.