Nova homenaxe aos maiores

BARBANZA

O colectivo da terceira idade da Pobra está convocado á tradicional comida, que este ano será o 9 de maio

02 abr 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Como todos os anos, o Concello da Pobra renderá unha homenaxe a todas as persoas maiores do municipio reuníndoas nunha comida. Nesta ocasión, a festa está fixada para o día 9 do vindeiro mes de maio.

A concelleira de Servizos Sociais pobrense, Rosa Fernández, deu onte a coñecer as actividades que hai programadas para esa especial data. Como en edicións anteriores, os actos arrancarán na casa consistorial ao mediodía, coa recepción das autoridades que participarán na homenaxe. Posteriormente, todos se desprazarán á igrexa parroquial de Santa María A Antiga do Caramiñal, onde se celebrará unha misa solemne.

A seguinte parada que farán os veciños que se sumen a esta xornada de confraternidade será na Casa Mariñeira. Alí terá lugar a inauguración dunha exposición relacionada coas artes de pesca de baixura e coa forma de vida das xentes do mar.

Para poder montar esta mostra, Rosa Fernández fíxolle onte un chamamento á Confraría da localidade e a todos os veciños. Á entidade mariñeira, a concelleira pediulle algunha arte de pesca, co fin de expoñela na Casa Mariñeira. Mentres, á poboación pobrense solicitoulle que rebuscara nos albumes de fotos e que achegara imaxes antigas da vila ou de faenas vinculadas co mundo do mar.

Xantar

Despois da apertura da exposición, sobre as dúas e media da tarde, terá lugar o xantar que, como en anos anteriores, desenvolverase no polideportivo municipal da rúa Venecia. De elaborar os pratos e servilos encargarase o persoal do grupo Chicolino.

Unha vez máis, o Concello pobrense renderá unha homenaxe a unha persoa da terceira idade do municipio. Rosa Fernández sinalou que a identidade aínda se descoñece, pero será un maior vinculado ao mundo da pesca de baixura. A persoa elixida recibirá un agasallo de mans do alcalde, Isaac Maceiras.

Todos os pobrenses que desexen sumarse a esta comida de confraternidade poden inscribirse xa nas oficinas da casa consistorial. O prazo para facelo concluirá o día 5 de maio. Tamén poden pasar polo concello os veciños que estean interesados en colaborar coa exposición sobre as artes de pesca de baixura que se vai montar na Casa Mariñeira da localidade pobrense.