Dezaseis maiores de Muros sumáronse a un programa de actividade física que se realiza na piscina municipal
29 mar 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Poñerlle freo, na medida do posible, ás consecuencias que, a nivel físico, conleva o paso dos anos é o principal obxectivo que persegue o programa posto en marcha polo departamento de Servizos Sociais do Concello de Muros, coordinado polo edil Miguel Prado del Río. O conxunto de actividades tamén ten como finalidade lograr que as persoas maiores gocen dun tempo de lecer e establezan vínculos de amizade.
O programa ten como escenario principal a piscina municipal, onde varios monitores se encargan de coordinar os exercicios que realizan os participantes. A experiencia, que arrancou hai uns días, está a ter un gran éxito. De feito, foi preciso organizar aos maiores que se inscribiron en dou grupos, cada un deles integrado por oito persoas.
Tal foi a demanda que rexistrou esta iniciativa que o Concello viuse obrigado a realizar unha selección dos participantes, posto que presentaron a solicitude preto de medio cento de veciños. Os que non foron incluídos no programa están nunha lista de espera e poderán ingresar nun dos dous grupos formados se algún dos seus integrantes se dá de baixa.
Tres sesións por semana
O ciclo de actividades que se está a desenvolver consta de tres sesións semanais, ao longo das cales se realizan exercicios combinados, sempre nas instalacións da piscina. Natación, ximnasia de mantemento e actividade física na auga son as principais accións que se levarán a cabo en cada unha das quendas.
Con esta proposta municipal perséguese diminuír os efectos do envellecemento e evitar a perda da actividade física, que con frecuencia leva aparelladas unha serie de alteracións do organismo que afectan de forma notable á aptitude física do individuo.
O concelleiro de Servizos Sociais de Muros considera indispensable a promoción da actividade nos maiores co fin de minguar os efectos do envellecemento e preservar a súa capacidade funcional. Así o afirmou na visita que realizou á piscina con motivo da posta en funcionamento deste programa.
Miguel Prado referiuse ao incremento do colectivo de maiores no municipio, sinalando que tal circunstancia debe terse en conta dende as institucións, para, dentro do posible, idear accións que beneficien a calidade de vida dese grupo de persoas.