O profesor noiés fai unha chamada sobre as ameazas do medio ambiente galego e ten moi claro quen son os culpables
28 mar 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Falamos con Pedro García Vidal, profesor de Xeografía e Historia no IES de Espiñeira-Boiro, investigador no campo da xeografía, entendida esta como paisaxe, tema sobre o que leva publicado diversos traballos. -Pedro, lonxe queda xa aquel ano 1991 en que publicas «A Noia da memoria», libro de grande repercusión na vila. ¿Que intencionalidade había detrás desa publicación? -No conxunto do territorio, e máis no ámbito das cidades históricas, movémonos a cotío entre espazos ocultos, entre xeografías invisibles só en aparencia. A estética das ruínas é en moitos sentidos unha estética das paisaxes da invisibilidade: están aí sen estar; non son o que foron, pero permanecen. O principal obxectivo do libro era sacar á luz eses territorios ocultos na vila histórica de Noia, facelos visibles para a cidadanía, para dese xeito convertelos en paisaxes con toda a súa carga histórica -O termo «feísmo» úsase dende hai un tempo como sinónimo do urbanismo cutre, pero, ¿poderíase dar unha definición do mesmo? -Co emprego do termo « feísmo» ocúltase, baixo criterios exclusivamente estéticos, a grande traxedia da destrución da paisaxe urbana e rural galega nos últimos anos e que se continúa no momento actual. Detrás do feísmo hai moito máis: hai especulación, ausencia de planeamento, ausencia de rigor, de disciplina, intereses de todo tipo e, por suposto, tamén corrupción. -¿Quen son os culpables deste caos urbano que o asolaga todo? -Na construción da cidade participan unha serie de axentes: propietarios do solo, construtores, promotores, inmobiliarias, poderes públicos e cidadáns. Os seus diferentes e contrapostos intereses converten o espazo urbano nun lugar de disputa política. Nas importantes tensións entre os diferentes axentes, o papel de árbitro, o papel de moderador, corresponde aos poderes públicos. Eles son, en última instancia, os verdadeiros culpables se permiten que algún dos axentes consiga realizar unha cidade, única e exclusivamente, á medida dos seus intereses particulares. -¿Por que consideras tan importante a defensa da paisaxe? -A paisaxe como produto social é resultado da transformación colectiva da natureza e constitúe a proxección cultural dunha sociedade nun espazo determinado, polo que ademais da súa compoñente material como paisaxe cultural, caracterízase tamén polos valores e sentimentos plasmados na mesma. A paisaxe é a esencia de nós mesmos á que se engade unha forte carga de pracer estético, polo que pode ser considerada como unha especie de «farmacia do espírito»; imprescindible, polo tanto, para remediar os males dunha sociedade enferma. -Tes escrito contra a instalación de parques eólicos en determinados fitos do Barbanza. ¿Como se podería compaxinar o emprego de enerxías alternativas co respecto á paisaxe? -O canibalismo territorial, no caso da irracional invasión eólica dos nosos máis senlleiros cumes, é un claro exemplo de como un monumental pelotazo económico explica que persoas, empresas ou sectores da Administración que se caracterizaron polo seu desprezo máis absoluto cara ao medio ambiente, abracen de súpeto o credo das enerxías alternativas cunha fe cega de novos conversos. No tema das enerxías alternativas, ao igual que na instalación de macropiscifactorías na costa, é imprescindible compaxinar progreso e respecto ao medio, e iso só é posible facendo avaliacións de impacto ambiental rigorosas, cun alto nivel científico e independentes do poder político. -¿Como ves o futuro do urbanismo no Barbanza? -É difícil ser optimista neste campo dado o tipo de desenvolvemento ao que estamos sometidos. Os políticos son felices cun modelo que finanza as súas «actividades», e a poboación contempla en silencio o inexorable avance do cemento. Para moitos este é o único modelo posible. Con todo, sendo optimista, creo no poder da educación para mudar as cousas, e se desde o ensino entendemos a Xeografía como unha contribución a mellorar as relacións entre o individuo e o medio no que vive, estaremos formando cidadáns críticos co tipo de desenvolvemento que se está a levar a cabo. O lema puidera ser: «contra o feísmo, educación xeográfica».
-Fálanos dos últimos traballos.
-En principio, pretendo rematar este ano un amplo estudo urbano sobre a vila de Muros, proxecto sobre o que levo anos traballando. Tamén, ao se cumpriren dez anos da aprobación do Plan Especial de Protección do Casco Histórico de Noia, quixera realizar unha análise crítica sobre as luces e sombras da súa aplicación.