A casa dos do Cumio

La Voz

BARBANZA

Andrés era a cuarta xeración de Piñeiro que habitaba naquela casa. Sempre se consideraron afortunados e privilexiados, pois dominaban o punto máis alto do pobo, e con el, as mellores vistas da ría que se podían atopar. Porén, sempre levaron con eles unha especie de castigo por gozar desa paisaxe. O seu bisavó, Tomás, fora ben listo, pensaba el, en lugar de facer a casa abaixo, ao pé do mar, coma todos, buscou outro punto de vista ao dos demais. Pode que tivese que subir uns metriños máis de costa, pero a calma que se desfrutaba e as vistas que tiña non había quen as pagase.

Tanta era a risa que espertaba nos seus amigotes cando tiña que irse para a casa despois dunha gandaina, que acabaron chamándolle Pepe o do Cumio, pois chegar ao fogar neses estados era o mesmo traballo que escalar unha montaña. E así «os do Cumio fixéronse unha familia cun alcume senlleiro.

O seu propio avó, Manolo, tamén pasou algún atranco por mor da fantástica ubicación do seu fogar. En plena Guerra Civil Española, foi obrigado polo bando nacional a compartir parte da casa para funcións de vixilancia e como base de combate contra os maquis que se ocultaban nas entrañas da montaña durante case nove anos.

En pago aos seus servizos, os franquistas, sempre tan dadivosos, puxéronlle unha placa conmemorativa co escudo da Falanxe. O avó esnaquizouna esa mesma noite. Ao día seguinte foi denunciar ao cuartel da garda civil que algún bolxevique estragara o precioso recordatorio co que o agasallaran. Pasaron os anos e o avó morreu pouco despois de nacer Andrés. O pai do pequeno chamábase Hugo e era un próspero traballador dunha empresa téxtil.

Hugo quixo gastar unha morea de cartos en reformar a casa, arranxar a hortiña e darlle unhas mans de pintura, que por outra banda xa lle facía boa falta. Días despois de pedir o préstamo para a devandita reforma, o xefe da empresa na que traballaba decidiu marchar ao Brasil cos cartos de todos os seus traballadores, mandando o home da casa á rúa e ás portas do alcoholismo e a esquizofrenia.

Andrés, que só tiña quince anos, viuse na obriga de deixar os estudos para poder axudar os seus pais a tirar cara adiante. O seu pai quedou no camiño antes de conseguilo; no hospital dixéronlles que fora dunha parada cardíaca; Andrés estaba seguro de que fora de tristura e culpabilidade. As cinzas do pobre Hugo fundíronse coa pequena horta da súa casa, bendición e maldición dos Piñeiro.

Andrés e Susana estaban recollendo os chícharos, tomates, cebolas e outros produtos naturais que producía a hortiña, cando un home de traxe apareceu polo camiño. Chorreaba ríos de suor, pois os vehículos que non fosen da familia só podían chegar ata uns límites establecidos tempo atrás, xusto antes de comezar o ascenso final. Este húmido personaxe resultou ser un construtor da vila. Un novo rico dos que pensan que son os amos do mundo... Si, un deses. Fíxolles unha interesante oferta de seis cifras. A verdade é que era realmente como para pensalo: poderían mercar un piso e vivir practicamente de rendas ata a fin dos seus días. Mais Andrés sabía que o valor da súa casa superaba un treito esa cantidade. Despois de varias semanas de negociación, Andrés e Susana néganse a vender, as súas vidas funcionan e son felices nesa casa.

Días máis tarde, unha mañá en resplandor, unhas horrendas máquinas de cor amarela dirixidas por uns homes de azul comezan a derrubar unha das antigas casiñas edificadas na parte inferior do cumio. En poucas semanas, e perante a súa negativa de vender, Andrés ve como lle levantan un enorme edificio de doce pisos diante da casa, estragándolle o mellor que tiña neste mundo; corrompendo a memoria da súa familia, aniquilando as preciosas vistas e os esforzos de varias vidas que el amaba.

Farto de loitar contra xigantes sen escrúpulos, contra os vampiros da terra, unha desas mañás o último dos Piñeiro dispúxose a entrar no despacho da construtora para vender por unha miseria a casa dos do Cumio.

ESTEVO SILVA PIÑEIRO.

Natural de Boiro. Gañou varios certames literarios, sobre todo de relato curto. Co-gañador, en 2007, do festival de Cinema Acción coa curtametraxe Curt@s de mente