POESÍA
«Vestíbulo da devastación»
Rosa Enríquez. Espiral Maior (A Coruña, 2007). 59 páxinas.
Rosa Enríquez (Rúa de Valdeorras, 1969), que exerceu a docencia en Boiro, vén de publicar o seu primeiro volume poético. Poesía que obedece a un proxecto de liberación, de desautomatización da voz poética da muller.
Unha poesía que como acertadamente sinala a prologuista, Yolanda Castaño, busca un territorio de emancipación que rache con todo tipo de opresións sociais; é dicir, unha poesía de liberación, de busca do paraíso do amor, fóra das fronteiras do establecido. Un paraíso que a miúdo se quere irónico e sempre inesperado.
O volume está estruturado nunha primeira parte que introduce o proxecto, para pasar logo aos quince poemas de Fragmentos, logo un Interludio: Lucie no mosaico, a continuación os Recintos da asfixia, para rematar en n'A sala de música.
Esta última comeza cuns versos que poden definir o libro: «Invencíbel,/inconquistábel,/inexpugnábel,/irresistíbel./Así será o meu exército/de palabras/e versos,/como un animal fabricando a calma/neste lugar oculto,/só para nós,/os comedores de silencios». Un bo poemario dunha poetisa xa madura, que non dubida en empregar a insolencia para buscar a liberdade. Unha fuxida da culpa, unha procura máxima da liberación.