Unhas xornadas levadas a cabo no colexio de Cespón incitaron aos rapaces a empezar o día comendo ben
23 feb 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Son moitas as persoas que apenas lle conceden importancia á primeira comida do día e limítanse a tomar un vaso de leite. O departamento de orientación do colexio de Cespón propúxose rematar con este costume entre os cativos. Para conseguilo, nos últimos días levou a cabo unhas xornadas de almorzos saudables.
A iniciativa púxose en marcha o mércores e prolongouse ata onte. Ao longo deses tres días, os alumnos acudiron a almorzar ao centro educativo, onde tiveron a oportunidade de empezar o día tomando produtos fundamentais para coller forzas suficientes coas que afrontar a xornada lectiva. Lácteos, cereais, pan, froita, mel, zumes e aceite foron algúns dos alimentos que os cativos inxeriron nada máis chegar ao colexio boirense.
A pretensión da dirección do centro era facerlle entender aos nenos que esta primeira comida do día non se debe esquecer nunca e conciencialos de que é tan importante, ou incluso máis, que as outras que se fan ao longo da xornada.
Implicación da familia
Co obxectivo de que os cativos non perdan o costume adquirido ao longo destes últimos días, o colexio convidou aos pais a unha charla, que tivo lugar na tarde do xoves, para que tamén eles sexan conscientes da necesidade de inculcarlle aos nenos o hábito de almorzar en condicións.
De impartir a conferencia encargáronse unha enfermeira e unha médica do centro de saúde de Boiro, que falaron da importancia de comezar o día coa enerxía que aportan alimentos como toda a variedade de lácteos ou as froitas. Para levar a cabo esta iniciativa, o centro contou tamén coa colaboración de Gadis, Froiz, Eroski, Clesa, Feiraco e das panaderías Martínez e Cespón, que foron os establecementos que cederon os produtos consumidos polos nenos.
A organización destas xornadas de almorzos saudables correu a cargo do departamento de orientación do colexio de Cespón, un servizo que se estableceu este ano de forma definitiva e que tamén inclúe ás escolas unitarias de Vilariño, Sar, San Ramón de Bealo e Ferreiros. O persoal desta área encárgase de analizar as diferentes necesidades que presenta o colectivo infantil, aínda que non estean directamente vinculadas co eido educativo, para tratar de poñerlles solución.