A prol dos desfavorecidos

BARBANZA

Mans Unidas defendeu en Ribeira a necesidade de mellorar a saúde das nais para garantir o futuro

12 feb 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Hai xa unha década que a agrupación ribeirense de Mans Unidas ven organizando de xeito anual un acto público para informar á sociedade da labor que realiza. Nesta ocasión, o lema da cita foi Nais sans, dereito e esperanza . Arroupados por esta consigna, un bo número de veciños reuníronse na praza do Concello co obxectivo de reivindicar a necesidade de mellorar a saúde das nais para garantir así o futuro da humanidade.

Á fronte da comitiva atopábase Ramona Pérez, a presidenta de Mans Unidas en Ribeira. Ela foi a encargada de informar aos veciños do proxecto que ten entre mans nestes intres a organización. Trátase dunha iniciativa que ten como destinatarias a 1.130 persoas que residen na provincia de Chota, en Perú. O obxectivo é recadar fondos para mellorar as condicións de vida deste pobo e para formar ás nais en aspectos vinculados co desenvolvemento dos nenos, como a alimentación ou os coidados sanitarios.

Gardas do futuro

Previamente, tomou a palabra outra integrante da directiva de Mans Unidas, Chus Cobas, quen se referiu a datos da Organización Mundial da Saúde para afirmar que medio millón de mulleres morren cada ano por problemas derivados do embarazo e do parto. Neste sentido, sinalou que a solución pasa por promover unha maternidade responsable: «As nais son as gardas do futuro da sociedade, na medida en que delas dependen os nenos sans de hoxe».

Sobre a necesidade de mellorar a saúde materna falaron tamén a matrona do centro de saúde ribeirense, María González; a nai Ana Paz e unha representante da asociación Achúchame. Elas foron as encargadas de ler un manifesto mediante o que denunciaron a falta de acceso a servizos básicos que aínda hoxe en día padecen un bo número de mulleres ou os abusos sexuais e a explotación ás que se ven sometidas moitas delas.

As tres amosáronse partidarias de defender por todos os medios unha maternidade saudable, propiciando que os partos teñan lugar en condicións seguras e limpas para garantir o bo desenvolvemento dos fillos.

Comprometéronse a traballar para conseguir estes obxectivos, tratando de reducir a pobreza e de mellorar a calidade de vida das persoas, e loitando contra os sectores sociais, culturais, políticos e económicos que fomentan as desigualdades e que prexudican a dignidade da muller.