Manuel Dourado naceu no Araño (Rianxo) en 1929. Desde moi pequeno sentiu a chamada da cultura e a música, os dous cromosomas que regulan a súa vida. Percorreu Galicia coa banda de Asados, como músico de aldea, para pagar os estudos. Escola de Bandín. Premio extraordinario de Bacharelato. Maxisterio. Licenciado en Dereito.
Traballou de mestre. Os seus alumnos eramos especialmente valorados no instituto de Padrón nas materias que el impartía. A súa outra gran vocación é o periodismo, que exerce con mentalidade de avogado. Traballou para La Noche , La Voz de Galicia, El Correo Gallego , El Faro de Vigo . Actualmente colabora en Galicia Hoxe e Encrucillada . Gañou o premio de periodismo Ruta Xacobea 1991.
Publicou o libro Conversas con Teresa Castelao . Está a piques de sacar A mestresa da casa-museo: unha Rosalía rediviva . Ten en proxecto O primeiro retorno de Castelao , sobre o busto do insigne rianxeiro que lle doou a Rianxo o Padroado de Cultura Galega de Montevideo en 1975, e que el mesmo foi buscar a Vigo, temendo quedar preso.
Móstrase, para o bo e para o malo, como un autodidacta. Preocupado en primeiro lugar, segundo recoñece, por si mesmo, «senón non tería folgos para preocuparme polos demais», defínese como universalista con escala de valores. «Desde o meu propio ser ata o universo». Ten fobias e filias explícitas, aínda que non cuadriculadas. A etapa Fraga parécelle un páramo bastante estéril pero fala con admiración de Albor. Está orgulloso do que conseguiu, a maioría das veces (recalca) contra a hostilidade do contorno. Mundo rural, compañeiros de instituto, algúns políticos e lectores, a cultura consumista, un mundo despersonalizado. Pero tamén é agradecido. Non hai éxito da súa vida que non relacione con algunha persoa. Bandín, Borobó, Don Roxelio, Manuel Rabadal, Torres Queiruga. Fala con seguridade pero non lle custa recoñecer os seus límites, dos que parece moi consciente aínda que dea, ás veces, a impresión contraria.
É fácil velo en actos culturais. Sempre intervén. A pesar dos pesares, mira atrás con tenrura e adiante con ilusión. Soña e traballa por unha Galicia á altura de Euskadi e Cataluña. Oxalá a poida ver.