A prol dos hábitos saudables

BARBANZA

Máis de 170 estudantes do municipio de Boiro participan nos obradoiros que imparte a Cruz Vermella

17 ene 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A Cruz Vermella Xuventude de Boiro ven de poñer en marcha un programa de intervención para a saúde que ten como destinatarios aos estudantes de terceiro de secundaria do municipio. Concretamente, nesta edición van participar 176 rapaces de idades comprendidas entre os 15 e os 17 anos. O obxectivo desta actividade é fomentar o interese dos adolescentes pola práctica de hábitos saudables como parte da súa vida cotiá, tratando así de conseguir que os mozos modifiquen aquelas condutas, tanto a nivel individual como colectivo, que son consideradas insáns e perigosas para a súa saúde. Para conseguir este reto, o persoal da Cruz Vermella Xuventude de Boiro está a percorrer os distintos centros de secundaria do municipio para impartir charlas sobre aqueles problemas que máis afectan aos mozos. Nas intervencións trabállase sobre todo o concepto de saúde, a adición ás drogas, o uso de métodos anticonceptivos, os trastornos da alimentación e a autoestima. Ata maio O primeiro dos talleres desenvolveuse no instituto de Espiñeira, pero nos vindeiros días a Cruz Vermella porá en marcha iniciativas similares nos centros educativos Praia Barraña e A Cachada. De feito, está previsto que o ciclo de conferencias se prolongue ata o vindeiro mes de maio. Ao igual que en anos anteriores, a agrupación de voluntarios de Boiro ten previsto organizar unha festa para poñer o punto e final a esta edición do programa de educación para a saúde, aínda que o seu desenvolvemento dependerá dos institutos que participan na experiencia. A idea da Cruz Vermella é reunir a todos os estudantes que participan na iniciativa nun recinto para que se sumen a actividades prácticas, como a elaboración de cócteles sen alcol. Nas tarefas de coordinación e desenvolvemento deste programa participan catorce monitores que previamente adquiriron a formación oportuna no marco dos seminarios que organiza a Cruz Vermella de Boiro. Para a posta en práctica desta iniciativa, a agrupación de voluntarios conta cunha subvención concedida polo Concello mediante a subscrición dun convenio de colaboración. As dúas partes que asinaron o acordo están convencidas de que a difusión de información entre os adolescentes é fundamental para evitar os graves problemas que afectan a este colectivo.