Ofrenda de valor incalculable

Luisa Gutiérrez

BARBANZA

Os alumnos do IES Praia Barraña recibiron da fundación do museo de Artes uns 300 exemplares e catálogos

13 nov 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Os alumnos do bacharelato artístico do IES Praia Barraña contan dende a pasada semana cunha exquisita colección de exemplares que a Fundación Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital, de mans do seu presidente, Javier Expósito Paradela, doou a este centro educativo.

A entrega dos libros realizouse nun acto no que tamén quixo estar presente o alcalde da localidade, Xosé Deira e o edil de Cultura, Xerardo Piñeiro. O conxunto de obras consta duns 300 catálogos e libros «de luxo», que a entidade regalou ao instituto boirense para apoiar aos alumnos que cursan estudos artísticos. «Para nosotros es muy importante apoyar a este grupo de estudiantes, pues ellos son los únicos de la comarca que estudian en esta modalidad. Por eso, nuestra fundación lo menos que puede hacer es ayudarlos, apoyarlos y, en la medida de lo que se pueda, promocionarlos», indicou o presidente Javier Expósito Paradela. Ademais engadiu: «Queremos que los alumnos del Instituto Praia Barraña se sientan partícipes de la actividad que llevamos a cabo en Artes. Por eso, les invito a que nos visiten y utilicen todos los fondos que tenemos. El nuestro es el museo de grabados más grande de España».

Concurso

O director da instalación ribeirense animou aos rapaces a participar en todas as iniciativas que se realicen no campo da arte na comarca. Por iso adiantou que proximamente convocarase un concurso europeo de gravados no que espera que se inscriban os alumnos barbanceses. «Los artistas deben participar en todas las iniciativas que se lleven a cabo en la zona», precisou.

Pola súa banda o alcalde Xosé Deira Triñanes coincidiu no apoio que se debe dar a estes estudantes. «Dende o Concello temos agradecementos por partida dobre. Por un lado, cabe destacar a boa participación que estes rapaces están levando a cabo e, por outra, a implicación desta fundación por apoiar aos artistas locais.

O rexedor explicou que o IES Praia Barraña mantén unha estreita relación coa facultade de Belas Artes de Pontevedra, e que dende o centro se están realizando diversas actividades de intercambio coa Universidade de Vigo. O concelleiro de Cultura de Boiro, Xerardo Piñeiro tamén tivo boas palabras para esta iniciativa: «Quero dar os parabéns a Javier Expósito por apoiar e motivar desta maneira aos creadores da comarca». A partir de agora, docentes e alumnos gozarán na biblioteca dos novos libros.