Cine de vangarda

Román Arén

BARBANZA

28 sep 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

ENSAIO

«A MIRADA IMPASÍBEL. AS PELÍCULAS DE ANDY WARHOL»

Alberte Pagán. Positivas, Plural. (Santiago, 2007). 229 páxinas.

Alberto Pagán (O Carballiño, 1965), profesor en Boiro, cineasta e especialista en cine de vangarda, estudoso e tradutor de Joyce, acomete agora a interpretación do cine de Warhol, máis coñecido como artista plástico, pasando revista á primeira etapa do seu cinema, nunha análise formal e non conceptual; é dicir, os filmes como obxectos en si e non como claves semánticas.

Análise dun cine serial, que se abre cun ensaio xeneralista sobre o conxunto do cinema do artista, sobre as súas fases, as súas ascendencias pictóricas, as influencias literarias de Kerouoac e Burroughs, sen esquecer o seu estilo. Logo, unha análise detallada de dezaoito dos filmes do artista pop e un listado da súa filmografía.

Warhol comezou como cineasta en 1963, e o volume chega ata 1965, período que Pagán cualifica da mirada impasíbel, fronte ao seguinte que será o da mirada inqueda. Galicia vaise poñendo ao día con estudos coma este, feitos con rigor, mais tamén con afán divulgativo, por un verdadeiro especialista que desfai erros críticos, que atende ao filme como texto e non como pretexto, que resalta os carácteres esenciais dunha filmografía na que destacan o tempo contemplativo ou a duración, o esteticismo minimalista, o serialismo e o estruturalismo. Galicia, pois, mira dende si os atrevementos fílmicos da vangarda.