Mozos con moito ritmo

BARBANZA

As bandas de música locais teñen unha nova ocasión de darse a coñecer no festival Sarabanduxa de Boiro

16 ago 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

ribeira | Catro anos pasaron dende que se levou a cabo na vila boirense o primeiro festival Sarabanduxa e, neste tempo, a cita logrou converterse nun trampolín para que as bandas de música locais poidan darse a coñecer ante o gran público. Este encontro é a mellor proba de que no municipio hai mozos con moito ritmo, imaxinación e creatividade.

Nesta nova edición do Sarabanduxa, que se desenrolará en Praia Xardín, están implicados un montón de colectivos, uns na organización, os boirenses, e outros como colaboradores, grupos de aquí e de alá.

O espectáculo, previsto para o sábado, poñerase en marcha ás seis da tarde coa aparición no escenario de oito bandas locais: Agoraphobia, Franklyn, Smashing, Síndrome de Estocolmo, Desalojo, Sine Fresh, Teura e Golden Dish.

Pola noite chegará a segunda remesa de concertos, a partir das dez e media, cun cartel de primeira fila: Dios Ke Te Crew, máximo expoñente do hip-hop, Skarmio, Día de Furia, coa súa mestura de pop he Hard core, e Rever.

Turismo

Dado que se prevé que os acordes destes conxuntos, que neste momento son os que máis sona teñen, atraian a un bo número de forasteiros, a oficina de turismo de Boiro instalará, de xeito provisional, unha caseta en Praia Xardín. Está claro que calquera momento é bo para facer un pouco de promoción interna e dar a coñecer as belezas da localidade.

Ao mesmo tempo, e por iniciativa da Cruz Vermella e do colectivo Xarelo, durante a xornada desenrolaranse unha serie de talleres, e é que está claro que si algo haberá será un gran abano de posibilidades de gozar dun sábado distinto.

Bebidas sin alcohol

Haberá para escoller. Entre as cinco e media e as seis e media, a Cruz Vermella levará a cabo un taller sobre seguridade vial e, posteriormente, ensinará a quenes o desexen a facer suculentas bebidas sen gota de alcohol.

Xa pola noite, os voluntarios someterán á proba de alcoholímetro aos condutores que non estean moi seguros de si reúnen as condicións idóneas para poñerse ao volante.

Pola súa banda, o grupo Xarelo tamén deseñou unhas propostas do máis interesantes. Haberá un taller de chapas. Os asistentes poderán, desde ese mesmo instante, lucir nas súas chaquetas e camisetas uns distintivos únicos sen necesidade de gastar nin un euro na súa compra. O mesmo sucederá coa outra iniciativa de Xarelo, consistente en amosar como é posible ter un instrumento musical a partir de elementos de refugallo. Finalmente, esta entidade ensinará a bailar break dance a xente de todas as idades, e tamén a facer arte urbano

Para facilitar a asistencia a esta nada desprezable cantidade de actividades, o Concello de Boiro habilitará unha zona de acampada con entrada gratis. Non se pode ofrecer máis por menos.

A concelleira de Mocidade, Dores Torrado, asegurou na presentación do Sarabanduxa deste ano que os mozos de Boiro son moi activos e que o asociacionismo goza de boa saúde no municipio. Torrado agarda que este festival vaia a máis nos vindeiros anos e asegura que naceu, precisamente, como alternativa de ocio e cultura para os mozos.

Ao acto no que se dou a coñecer o cartel desta edición acudiron representantes de todas as entidades que están implicadas na súa organización.