Santa coincidencia

BARBANZA

LINGUA PROLETARIA | O |

09 jun 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

O 16 de xuño, día de san Adrián nas terras mariñeiras de Malpica, por pura coincidencia, tamén vai ser o día no que os concellos configuren os seus novos equipos de goberno. -Semella unha premonición, pero só é casualidade -dime Xulio. Mentres, falamos da haxiografía deste santo que, despois de martirizado, cando a súa esposa Natalia fuxía ó exilio abordo dun veleiro fretado expresamente para non vivir en terra de infieis, ó se asomar á borda viu como, sobre as augas, viña camiñando o seu defunto esposo para advertila: gañade barlovento e trocade de rumbo. O patrón que levades é un diaño disfrazado con quen nunca arribaredes a bo porto. E dime Xulio: -Se con tal fazaña gañou a confianza para se erixir en patrón dos mariñeiros destes duros e incertos mares, ¿non podía ser avogoso dos alcaldes desta nova lexislatura?, aínda que só sexa pola coincidencia das datas. -¿Pero ti non eras ateo? -pregúntolle. -En certos asuntos hai que estar a velas vir. Eche tan difícil isto da democracia. Lembramos que nas terras de Bergantiños, en san Adrián da Piña, tamén se invoca a este santo para limpar as verrugas e as afeccións da pel, como en san Campio ou no san Bento de Seráns, lavando a parte afectada na auga da fonte e deixando o pano a secar, coa esperanza de que con el seque e desapareza o mal. -O que digo -insiste Xulio-, ¿semella ou non semella unha premonición, que mentres os discursos dos concelleiros fan promesas sobre a limpeza e erradicación de corruptos e corruptelas, os devotos de san Adrián, san Campio ou san Bieitiño, no mesmo día, limpan a súa pel con auga purificadora? Mágoa dunha fonte polo estilo na porta de certos salóns de plenos. Xulio hoxe está moi pesimista, e dime que, ó seu entender, dúas cousas matan a democracia, as maiorías absolutas e os pactos con chantaxe. -Aquelas son o absolutismo dos sempiternos, e estes a negación do poder do voto ou o aferramento ó poder. Seguindo co san Adrián, dígolle que tampouco han faltar fieis que lembren a grande fazaña que este santo fixo polas terras de Corme, cando convocou co seu caxato a todas as serpes que asolaban a bisbarra e as recluíu baixo a laxe de Gundimil. Que moitos lembrarán a lenda ó pé da letra, e outros encontrarán nela o significado de cando o cristianismo erradicou o vello culto ós ofidios. E xa sabes que, desde aquela, os que non comungaran coa oficialidade eran tidos por aliados do diaño. -Santa coincidencia -clama Xulio- só nos queda agardar que, onde toque remuda, sexa como lle corresponde por lei democrática, con acordos e fidelidade, con admisión de debate e con recoñecemento de errores e de éxitos por parte duns e doutros. Para el, democracia é primar o valor da palabra, obrigar a quen goberne a dialogar, compartir, rectificar, pactar e consensuar; e que quen senta no banco da oposición fiscalice en pro do progreso, ata acadar puntos de converxencia, sabendo que fiscalizar non é atrancar nin poñer trabas. -E os que non pactan -di Xulio-, os que non son capaces de chegar a ningún acordo, é porque non saben o que é a democracia.