UN MINUTO

La Voz

BARBANZA

CULTURA AUDIOVISUAL EXPOSICIÓN TEATRO

01 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

As concellerías de Educación e Cultura de Ribeira convocaron a 15ª edición do concurso literario con motivo das Letras Galegas e dedicado a María Mariño. Poderán concorrer todos os escolares de concello nas categorías de 7 a 10 e de 10 a 13 anos. Para a modalidade de poesía estableceuse un máximo de 25 versos e para prosa e cómic de dous folios. Os traballos, de tema libre, deberán presentarse no auditorio municipal ata o 12 de maio. Os premios constarán de lotes de libros para os tres gañadores de cada unha das categoría. O Instituto Leliadoura acollerá hoxe a proxección das curtametraxes realizadas polo alumno Brais Novo. Mañá emitiranse os títulos A teoría do espello, de Pedro Alonso Corredoira, e Coruña imposible, de Francisco Rañal. O venres poderase ver o documental Cambio climático. O reto do século XXI, de Ruth Chao García e Javier Silva Salinas. Estas actividades pretenden contribuír á divulgación do audiovisual galego e foron organizadas polo equipo de normalización lingüística de dito centro educativo. A Concellería de Cultura de Ribeira exhibe ata o día 17 de maio, na planta baixa do auditorio municipal, unha colección exclusiva de sete marionetas artesanais realizadas en Compostela. Cada unha delas ten o seu propio nome e unha historia e un pergamiño cunha mensaxe que anima a achegarse ao mundo da lectura. Estes títeres servirán para a próxima realización de cursos e actividades formativas sobre o manexo dos monicreques. Este venres, ás 21.00 horas, no salón de actos da casa de cultura de Boiro acollerá a escenificación da obra O faro , a cargo da compañía integrada por Manuel Pombal, Manuel Conde e Manuel Botana. O seu argumento baséase en que un fareiro titular deixa o seu posto a un substituto.