Francisco Vidal métese na pel dun narco no seu último libro

Chechu López RIBEIRA

BARBANZA

SIMÓN BALVÍS

«Os pecados capitais» presentouse no Ateneo Valle-Inclán Nos personaxes da obra apréciase a condescendencia que tiveron os galegos co estraperlo e o contrabando de tabaco

24 mar 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

O Ateneo Valle-Inclán de Ribeira acolleu a presentación do libro Os pecados capitais, do escritor Francisco Antonio Vidal, polo que obtivo o premio Terra de Melide 2005 e que foi publicado por Edicións Xerais. Nesta ocasión, o autor métese na pel dun narcotraficante. A trama xira en torno á vida dun narco nos seus últimos momentos, e na que se mesturan amor, odio, violencia, tenrura, morte, celos. Está ambientada na comarca de Barbanza, concretamente no pobo imaxinario de Cerqueixo. Seis persoas relacionadas co protagonista fan unha reflexión sobre este no seu leito de morte e o trato que tivo con cada un. No acto interviñeron o presidente do Ateneo, Santos Oujo; o editor Manuel Bragado; o delegado en Barbanza de La Voz de Galicia, José Ramón Ares, e o propio autor. O xornalista Ramón Ares, ao falar sobre os protagonistas indicou: «Apréciase en todos eles a condescendencia que tivemos os galegos coa antesala do narcotráfico: primeiro co estraperlo, que axudou a moitas familias a sobrevivir en tempos de penuria, e logo co contrabando de tabaco». Ares engadiu que esta práctica «acabou corrompendo á sociedade e aínda hoxe é un sambenito que nos persegue aló por onde imos». O delegado de La Voz de Galicia deduciu que os personaxes que protagonizan os relatos coqueteaban con cada seu pecado capital. «Soberbia, avaricia, luxuria, ira, gula, envexa e preguiza van manifestándose ao longo das 229 páxinas e concéntranse no sétimo capítulo, cando o que reflexiona sobre si mesmo e os que están ao seu redor é o protagonista, Andrés, a quen lle chegan as pantasmas da súa vida a render contas», subliñou. Murguía Francisco Antonio Vidal aproveitou que o acto se celebraba no Ateneo Valle-Inclán para facer referencia á relación que tiveron o escritor arousán e Ribeira con Manuel Murguía, do que o autor de Os pecados capitais fixo unha semblanza biográfica. Vidal recoñeceu que escribiu esta obra para reflexionar sobre o tema dos narcos, sobre a dobre moral que os rodea e os converte en filántropos para uns e en asasinos para outros, «que por un lado financian as festas patronais do seu pobo ou o equipo de fútbol, e polo outro atacan á dignidade dos fregueses e a vida dos rapaces da súa veciñanza, enredándoos nas rodas dos falsos praceres, do diñeiro fácil e da miseria a máis ou menos curto prazo». O autor afirmou que escribiu a historia en sete contos como outras tantas maneiras de ver un problema, para transmitir un feixe de preguntas para descargar as súas inquedanzas. «Non creo que sirva para cambiar o mundo, iso non soe pasar. Dareime por satisfeito se o lector se pregunta canto hai de realidade no escrito e se serve para que logo se reflexione sobre a dobre moral que rodea aos personaxes».