¿Quen merca arte?

BARBANZA

LINGUA PROLETARIA | O |

10 mar 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

VEÑO de visitar un pazo galego que, hai cousa de dez anos foi mercado por un empresario, propietario de salas de xogo e casinos en varias cidades, quen para maior empaque, espallou fotos súas polas distintas estancias a carón de personalidades de alto rango, como o Rei ou o xeneral Franco. Os caseiros advertíranme que había cadros moi bos, e si, era certo, non era unha pinacoteca pero había unha boa representación da arte figurativa do século XX, algún pintor galego de primeira liña e outros de fóra. Quixen saber algo do personaxe, e descubrín que fora militar de alta graduación durante a ditadura, que hoxe ten un iate con dez homes de tripulación, que conserva o vello costume popular de celebrar unha festa relixiosa na capela do pazo o primeiro domingo de agosto, e que en tal día, conecta unha cámara web co seu despacho de Madrid para ver os festexos, ou que cando vén ó pazo chega sen avisar, polo que os caseiros deben ter todo ó día. Tamén souben que, extramuros da propiedade, con piscina, cancha de tenis e campo de golf, lle construíu unha casa de liñas futuristas á súa secretaria. Que por certo (atención á prensa cuché), só o acompaña cando non lle vén a esposa. Coincidiu esta visita ó pazo co regreso dunha viaxe ó Madrid dos museos e de Arco, polo que miraba todo preguntándome quen merca arte e por que, e se quen a merca o fai pola arte en si ou pola inversión que supón. Porque eu non creo que este paisano, por exemplo, poida estar de acordo coas propostas de artistas como Miralles, que usa teas rotas e pintura negra e branca para representar o que éramos nos anos sesenta, con algunha pinta de vermello que non necesita máis explicación. ¿Mercaría un home destes, se puidese, un Guernica?, e de facelo ¿por que?, ¿polo que representa ou polo que se revaloriza cos anos?. Se non fose polos cartos, ¿que importancia lle daría a un cadro de Tàpies?. Pregúntome se lle pagaría este home un retrato a Saura, cando lle presentase un enxame de liñas entrecruzadas. ¿Ou só lle interesaría a firma do artista a pé de lenzo?. Do negocio da arte sabían moito os secretarios de Dalí, cando este estaba nas últimas, e non facían máis que poñerlle diante papeis en branco para que o artista firmase. Logo, o que levase impreso xa era o de menos, o caso era vender pais como se fosen lingotes de ouro. Pensei isto despois de escoitar que este ano Arco foi un éxito de vendas, porque España está nun bo momento económico. De se o foi de propostas artísticas non oín nada, como moito algunha referencia en concreto e pouco máis. Nalgúns casos a noticia estaba nas obras máis chocantes e máis difíciles de entender, como invitando a que se manteña esa manifestación que percorreu todo o século pasado, que a arte moderna non é máis que garabatos que pode facer un cativo, a vella desculpa que me lembra aquela frase de Picasso, cando visitando unha exposición de debuxos infantís dixo: «Cando era coma eles pintaba como Rafael, e necesitei toda unha vida para aprender a pintar coma eles». A arte sempre estivo na man dos poderosos, e, curiosamente, sempre para representar os seus defectos. O Bosco pon a reis, condes, bispos e papas suxeitando as súas prebendas mentres son arrastrados pola morte, Velázquez representa a soberbia montada a cabalo no retrato do Conde Duque de Olivares, Goya deixa ver a súa simpatía pola raíña pintándoa desdentada, e, sen embargo, todas estas obras foron mercadas polos mesmos a quen os artistas critican.