Priorizáronse as actuacións de saneamento e de traída de auga O fomento da participación cidadá e a rede de centro sociais tiveron gran protagonismo
14 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.Achegar os servizos básicos a todos os núcleos do municipio foi o gran reto que se marcou o actual goberno de Boiro no 2003, cando asumiu o relevo á fronte da alcaldía. Para conseguir este obxectivo, o executivo sinala que ao longo destes catro anos priorizou as obras de saneamento, de abastecemento de auga e de apertura e mellora de accesos. Pese a que son conscientes de que o que se fai nunca é suficiente, tanto o BNG como o PSOE coinciden en sinalar que se avanzou moito neste eido. Entre as actuacións que destacan atópase a instalación das redes de sumidoiros e abastecemento de auga en Cespón e Abanqueiro. O investimento realizado superou os 867.000 euros. Nestes intres tamén está moi avanzado o proceso para o saneamento integral da conca do río Coroño. Pero, para o executivo, tamén foi destacable o labor feito para potenciar a participación veciñal. A aprobación dun regulamento, a creación de consellos parroquiais e a constitución dunha rede de centros sociais foron as principais accións realizadas neste eido. Para favorecer o movemento asociativo, rehabilitáronse locais en Cures, Ponte Beluso e Moimenta, que na actualidade están a ser dotados de mobiliario; aínda que os principais proxectos en marcha son os centros sociais de Cabo de Cruz e Abanqueiro. No que a investimentos importantes se refire, o executivo de Boiro divide o seu mandato en dous períodos. Un primeiro marcado pola «difícil situación financeira herdada do anterior goberno» e polo «boicot do PP na Xunta», e a «etapa de normalidade» que arrancou tralas eleccións autonómicas. Argumenta que, mentres que ao principio foi imposible conseguir fondos para por en marcha servizos tan importantes como a gardería ou o centro de día, durante o último ano e medio o Concello obtivo subvencións das distintas consellerías por tres millóns de euros. As xestións realizadas diante de outros organismos tamén están a dar os seus froitos. O próximo inicio das obras de rexeneración da praia de Barraña, por un importe de 4,3 millóns, merece unha mención especial por parte do executivo. Tamén destaca os avances realizados para conseguir outras actuacións medioambientais, como os paseos de Escarabote e do río Coroño. Na recta final atópase o proceso para ampliar o polígono de Espiñeira, unha actuación valorada nun millón de euros que está previsto que arranque este ano. Para o executivo tamén son destacables os logros en materia de urbanismo, xa que se reforzou o departamento con máis persoal e foi así posible axilizar a tramitación de permisos. Ademais, traballouse no desenvolvemento do plan xeral, realizando modificacións puntuais, estudos de detalle e novas ordenanzas, ou adoptando medidas como a suspensión de licenzas. A pesar diso, o goberno ten previsto iniciar en breve a revisión do planeamento.