Cousas da xente No museo boirense, entregáronse onte as distincións dun certame de fotografía
10 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.O Centro Arqueolóxico do Barbanza organizou a terceira edición do certame fotográfico Imaxes do pasado ao presente . Onte, entregáronse os premios deste concurso. O rexedor boirense, Xosé Deira , foi o encargado de darlle o agasallo correspondente ao primeiro clasificado na categoría de adultos, Jesús María Torrado Vidal , que presentou unha obra que levaba por título A soidade da noite . Rozando o poste A instantánea bautizada como Lecer , sacada por José Manuel Fernández Souto , quedou en segunda posición na modalidade de maiores. O concelleiro de Cultura, Gerardo Piñeiro , entregoulle o premio. Dous mellor que un Se a calquera lle gusta obter un premio, é de supoñer que máis ilusión fai aínda cando se recollen un par deles no mesmo acto. Raquel Lomba Santiago sabe ben o que se sinte nesas circunstancias porque as dúas distincións da categoría xuvenil establecidas no certame apadriñado polo centro de Neixón foron parar ás súas mans. Repetición da xogada Pero non é Raquel a única que está en disposición de presumir dunha fazaña tan fantástica e estimulante como a descrita unhas liñas máis enriba. Na mesma tesitura, se atopa Jonathan Torrado Cespón , que se levou os dous agasallos do apartado infantil. Nesta sección, os compoñentes do xurado acordaron conceder unha mención especial a Pedro Campos García . Remate culinario Como non podía ser doutro xeito nestas cerimonias, o acto pechouse cos pinchos cos que se obsequiou aos asistentes. Entre os que non quixeron perderse o acto estiveron os concelleiros de Xuventude e Urbanismo, Dores Torrado e Xoán León , respectivamente. Ademais, inaugurouse oficialmente a exposición de fotos.