O tal Pérez é da Pesqueira

XOSÉ MANUEL PÉREZ

BARBANZA

TRIBUNA ABERTA | O |

29 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

O SEÑOR Blanco Vila non sabe quen é «o tal Pérez», pero Pérez, ao igual que moitos boirenses, si sabe quen é Luis Blanco Vila: un candidato posto a dedo no PP, sen que contase en ningún momento a opinión dos seus militantes. O acto ao que se refire este alcaldable na súa última tribuna aberta (o da presentación do noso alcalde, Xosé Deira, como candidato do BNG nas próximas eleccións municipais) foi un acto público, aberto a toda a cidadanía; xa que logo, se este señor quería ter unha óptima capacidade de análise do alí acontecido, o que puido facer foi asistir; deste xeito, comprobaría cos seus propios oídos que o que o tal Pérez, responsable local do BNG de Boiro, dixo sobre o candidato do PP foi: «Presume de non ter partido, de non ter patrimonio, de non ter inimigos; e o que verdadeiramente non ten é a máis mínima idea dos problemas de Boiro e dos boirenses». Un comentario que se basea no cartaz que apareceu en moitos buzóns de Boiro, e noutros lugares do noso concello, no pasado Nadal. Mediante o buzoneo, suponse que o que buscaba era deixar de ser un descoñecido para os nosos veciños. Malia todo, eu non me referirei a el como o tal Blanco¿ Por certo, e retomando o fío, para non ter patrimonio vaia campaña de márketing¿ Polo que ten publicado, respétoo profundamente como autor e supóñoo un home de ideas, pero as ideas políticas que manexa son ideas trasnoitadas. Como trasnoitado é alardear da foto na que aparece ao lado do defunto caudillo Francisco Franco. Como trasnoitado é afirmar que Anxo Quintana non leu ningún libro seu porque non entende castelán¿ ¡Pero home! Se é o vicepresidente da Xunta e foi senador en Madrid, ¿non se dá conta que está insinuando que os que temos o galego como lingua nai somos pouco menos que analfabetos? Eu consideraba que esta crenza estaba desterrada do imaxinario da «Una, Grande y Libre», pero, con tristura, comprobo que aínda aniña ese pensamento entre certa xente, e, o que é peor, xente galega. Como trasnoitado é pensar que na convivencia democrática non hai lugar para a crítica entre iguais, incluso formando parte do mesmo goberno. E se de algo hai que culpar a Deira é de democratizar o Concello, abrindo portas e fiestras para que entrase aire fresco, luz e taquígrafos. Tamén é culpable Deira de que se habiliten locais sociais en todas as parroquias; de que os veciños poidan implicarse activamente nas decisións políticas, mediante o regulamento de participación cidadá; de que se humanicen as rúas, e un longo etcétera. E respecto das bandeiras que pon Deira ás obras públicas que se están rematando (e que son de todos), o alcalde non pón bandeiras; pón a xestión para conseguir os cartos que o PP lle negou a Boiro. Remato xa, pero non sen antes referirme ao seu libro, Memorias de un gato tonto. Non atopei este libro (nin ningún outro seu) traducido ao galego; pola contra, puiden comprobar que si está traducido ao catalán. Sospeito que será porque a pela é a pela, en Cataluña, aquí e en Madrid. Fixen referencia ao título do seu libro para dicirlle que no noso país os «gatos tontos» non son quen de cazar ao rato, que non vive en Mallorca, senón na Pesqueira.