O lume causou danos nun de cada tres xacementos da comarca

Chechu López RIBEIRA

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Reportaxe | Análise arqueolóxica Os incendios deixaron ao descuberto 27 elementos descoñecidos do patrimonio histórico na serra do Barbanza e non se desbota que aparezan máis

07 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

O medio natural da serra do Barbanza non foi o único espazo que resultou seriamente afectado pola vaga de lumes do pasado verán. Os xacementos arqueolóxicos da zona víronse seriamente afectados polos incendios, sobre todo coas altas temperaturas provocadas polas lapas. Os primeiros resultados da investigación dirixida pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e desenvolta por Prospectiva e Análisis Arqueólogos S.?L.?, revelaron que o 36% dos 302 elementos do patrimonio cultural da comarca sufriron graves danos na súa estrutura, o que significa que un de cada tres resultou prexudicado. A afección que sufriu cada elemento arqueolóxico foi ben diferente segundo a súa natureza. Neste sentido, os petroglifos convertéronse nos máis deteriorados ao estalar a superficie da rocha pola calor. O equipo director dos traballos remitiu un informe preliminar á Xunta sobre as deficiencias detectadas. Na memoria definitiva se farán recomendacións para a limpeza xeral, os medios e metodoloxía de restauración e conservación dos xacementos e a repoboación con vexetación axeitada. Novos elementos A presenza dos científicos e técnicos da compañía en outubro e novembro para avaliar o impacto dos lumes permitiu localizar 27 restos arqueolóxicos inéditos, aínda que non se desbota que na segunda fase desta investigación aparezan outros para catalogalos dentro do patrimonio cultural da serra do Barbanza, segundo fixo saber Ramón Fábregas, asesor da investigación. Andrés Bonilla, de Prospectiva e Análisis Arqueólogos S.?L.?, indicou que en Rianxo se viron danados o maior número de xacementos, pois 57 dos 112 elementos identificados precisarán de traballos de recuperación. Catro deles son castros, 30 túmulos e 23 gravados rupestres. Dos 102 existentes en Porto do Son se viron afectados 24, sobre todo petroglifos, o 26% dos catalogados. Polo demais, sete dos doce rexistrados en Ribeira tiveron un impacto crítico, concretamente un castro e seis túmulos. En Boiro foron catro túmulos dos 25 existentes e en Noia un dos seus nove. En Rois e Dodro quedaron desfigurados a maior parte deles, con sete dos oito identificados e cinco dos sete encontrados, respectivamente.