A sinerxia dos voos de baixo custo

María Varela RIBEIRA

BARBANZA

Análise Centos de visitantes chegan cada día a Santiago procedentes de Europa e a comarca practicamente non se beneficia deste fluxo de xente

03 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

Con moito acerto, a mancomunidade considera que é imprescindible ter unha boa páxina web na Internet para darse a coñecer. Hoxe en día practicamente non hai nada que non circule pola Rede. Cada vez é máis frecuente que as vacacións se concerten dende o ordenador, sen moverse da casa. Á hora de decidirse, as imaxes, a explicacións sobre os lugares e un deseño atractivo da web son elementos decisivos. A influencia da Internet é tan grande que xa non só se contratan hoteis ou se elixe destino fiándose das informacións que figuran na Rede, tamén se sacan billetes de avión. As empresas de baixo custe funcionan grazas á proliferación das novas tecnoloxías e a súa aparición constitúe unha auténtica revolución porque ofrecen viaxes a prezos tan baixos que están ao alcance dunha gran maioría desexosa de facer escapadas. Unha hora O aeroporto de Santiago de Compostela, a unha hora de camiño da bisbarra mentres non rematen as obras de desdobramento da vía rápida -despois será menos tempo-, non é alleo á presenza das compañías de baixo custo. Cada día aterran en Lavacolla numerosos avións con pasaxeiros procedentes de toda Europa. Desta masiva e constante afluencia de persoas a Compostela, unha tendencia en aumento dende que voar de Alemania a Galicia vale case o mesmo que tomarse un refresco nunha terraza, a comarca benefíciase pouco. Pode ser porque esas riadas de europeos descoñezan que Arousa Norte ten unha páxina web que foi premiada en Ferpalia. Ao mellor sería convinte que estivese anunciada en lugares estratéxicos, eses aos que os forasteiros acoden obrigatoriamente antes de abandonar Santiago. Capacidade Outro elemento que cabe ter en conta á hora de promocionar o turismo é o feito de que, en temporada baixa, son frecuentes os desprazamentos de grupos. Esta circunstancia obriga a ter capacidade hostaleira na bisbarra para darlle aloxamento e comida aos recén chegados. Non pode pretenderse que veñan facer a ruta Valle-Inclán ou visitar o faro de Corrubedo e que despois se teñan que desprazar a Compostela porque en Barbanza non teñen onde poder pasar nin unha noite.