FOGUETES | O |
12 ago 2006 . Actualizado a las 07:00 h.HABITAMOS NO secundario das vías secundarias. A xunta pranta un mapa de puntos negros de Galicia; reloce como sol sanguinario a vía autonómica de Barbanza. Non van suprimir ningún punto negro, din que por falta de previsión do goberno Fraga (TCA en acrónimo). ¡Non pasa nada! Seguiremos a ser os primeiros en mortos por accidente, o que importa é destacar, mesmo sexa en accidentes sanguinarios, mortos, tetrapléxicos ou EDV (Estradas Devoradoras de Vida). ¿O responsable foi Antolín Sánchez Presedo parece por tela iniciado en 1998? Daquela viviamos felices en tardar dúas horas para chegar a Padrón. E digo eu: ¿Cal é o prezo de mercado dunha vida humana? Menos de 2,5 millóns das antigas pesetas, é a cantidade dedicada pola Consellería de Política Territorial para preservala. ¿Mestre: onde está o mundo?. A resposta vai no vento, transporte preferido polos sons das campás cando tocan a morto. Nas festa de Ribeira practico missing, ou sexa, estar desaparecido. É simplemente insoportable. Semellamos novos ricos afanados en chantar no Malecón todo canto temos, para que se saiba urbi et orbe . Chiringuitos, atraccións, orquestras, mercadillo étnico, terrazas e tráfico. Todo preto e mal xunto. Pasear, pararse un segundo a saudar e xa hai atasco. Horreur. Prefiro marchar a Lousame para presenciar o curro do cadabullo. Machismo en estado puro. Os mozos éntranlle ás bestas con máis afición que eficacia. Atopo a José Ramón Vidal, ex alcalde socialista reconvertido a profesor de Historia. Foi 20 anos alcalde. Pregúntome en voz alta: ¿A experiencia dun home así non tiña que ser aproveitada polo bigoberno nacional-socialista? Parece que sobra a experiencia como valor a ter en conta. A glorificación do xoven reflicte a moral moderna, na que o efémero se troca en concepto dominante. Nada ten tanto interese como a ausencia. Neste contexto non alcanzo a entender como se pode recuperar a memoria histórica. Non existe a memoria histórica, só a historia permite reconstruír a memoria e remodelar a conciencia. Non creo nada.