DENDE FÓRA | O |
31 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.O TÍTULO deste artigo, así, as primeiras, arrepón. En máis dun caso, o enunciado destas letras sería suficiente para dar por rematada unha posible lectura. De tódolos xeitos, arrinqueillo a unha canción de Fitipaldis e que a miña mente vaga agradeceu inmensamente. Cada vez sobran máis as palabras, as persoas, a xente, os móbiles, a potencia dos cabalos, cabalos e cabalos. Dicía, estamos demasiado ocupados para atender os esforzos mentais (comprender e saber). Polo demais, non chocan nada de nada, os nosos trinta mil mozos que pululan á deriva sen titulación de ningún tipo, nin oficio, nin beneficio. Menos mal que tan só nos falan dos números estadísticos. O futuro é inmellorable. Claro, cando un anda desta guisa, os políticos poden dicir todo aquilo que lles veña en gaña, ao fin e ao cabo, a política quédase no oitenta por cen de retórica, e o que disto resta, aínda un o pode dividir, entón, o resto é o real. Eu escribo, si, no fondo, estou pensando en tirar a matar coas miñas palabras. Pobre inxenuo. Se predicar dera trigo... Os individuos estamos cada vez máis globalizados e canto máis globalizados máis hipotecados. Que importa, que a estas alturas se aprobe a reforma laboral, total. Que máis ten se os políticos da comarca se interesan máis ou menos polo medio ambiente, si anuncian que collen e non collen os contaminantes. Si nos contan, con paripé incluído, que o Colexio de Arquitectos de Galicia está en contra do feísmo, e o feísmo existe, nunha alta porcentaxe está nas obras que eles firman como arquitectos; a outra porcentaxe está nas licencias que firman os nosos concellos. Marabilloso país. Problema, ningún. A esta alturas o home, o ser humano globalizado tan só pensa no próximo mundial de fútbol, o demais non vai connosco. Síntoo. Non che teño nada que dicir.