Orseño, ¿terra de osos?

Lorena Barrera

BARBANZA

25 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

No concello de Porto do Son, na parroquia de Nebra, damos cun lugar chamado Orseño, que ben poderemos explicar partindo do substantivo latino ursus («oso»), xa que Orseño sería, in illo tempore , unha zona, no Barbanza, onde estes grandes omnívoros aínda convivirían cos nosos ancestros, malia que agora debamos viaxar ata Os Ancares, ou máis alá, para topármonos con eles. Así mesmo, a existencia do topónimo Orseño sérvenos para identificar, foneticamente, un elo intermedio entre a evolución máis culta («urso») e a máis patrimonial («oso»). Un resultado semellante a Orseño amósasenos en Oseira (antigamente Ursaria, de senso etimolóxico distinto a Oseiro, vencellado a «óso»), nome analóxico, mutatis mutandis -isto é, mudando o animal-, de Lobeira, Aguieira, Coenlleira, Leboreira, Teixoeira, Ventureira ou Abelleira.