PINTURA E POESÍA «Voces na materia. I Encontro de Creadores na Barbanza» Poderiamos dicir que Barbantia ten como obxectivo esencial a promoción da cultura mediante o coloquio entre as súas xentes creativas, realizado en encontros periódicos en diferentes lugares dos municipios que integran esta comarca da Barbanza (en feminino de comarca; non en masculino do monte do que recibe o nome). E unha das parcelas dese obxectivo xenérico é o labor editorial referido aos seus creadores artísticos (poetas, narradores, pintores, xornalistas...). En tal sentido, Barbantia, que vén de cumprir o seu primeiro ano de vida, xa encetou o camiño de se facer unha «ilustre recén nacida» coa publicación do seu primeiro libro: Voces na materia . É , pois, o número un da Biblioteca Barbantia. Nel, fan oír a súa voz ¡30 poetas, nada menos!, cuxas creacións aparecen ilustradas por cadanseu pintor. ¡Toda unha sorpresa! Polo menos, para un servidor: Nin sequera cheguei a imaxinar que, nun espazo relativamente tan reducido como é A Barbanza, puidese existir semellante número de artistas (neste caso, poetas e pintores), no máis alto e nobre sentido deste vocábulo. Como moi atinadamente advirte o amigo Carlos Mosteiro no limiar do libro, son un deses que «estando no mesmo mundo, próximos no espazo e no tempo, non saben, ou saben moi pouco, da existencia do outro». Por iso, cada un destes encontros vén ser como «xuntanzas de amigos -e volvo a Carlos Mosteiro- que, querendo saber uns dos outros, o que fan, o que teñen en proxecto, deciden verse, como compañeiros que intercambian confidencias...». Así é, en efecto.