Plan urbanístico

BARBANZA

LINGUA PROLETARIA | O |

29 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

CRITICANDO O asunto de Marbella, Xulio di que en todas partes cocen fabas, e fala de concelleiros próximos a quen se ten acusado de cobrar, por cada piso vendido no casco urbano, unha prima das construtoras, cando a licencia para unha casa no rural estaba sobrecargada de impedimentos, normas e legalismos. Todos moi coa lei por diante e ben argumentados dentro do plan urbanístico, pero sen ter en conta que, neste amado país do minifundio, segundo o tal plan do concello que sexa, por moi ruralista que se pretenda facer, non sempre e de lei impoñer a necesidade dun feixe de metros cadrados para construír, e que se non os tes llos teñas que mercar ao veciño, ou confórmaste con vivir en zona urbana e deixar o solar herdado para criar silvas. Segundo o amigo Xulio, os tan necesarios e fundamentais plans urbanísticos, ás veces, son demasiado cuadriculados á hora de adaptarse ás peculiaridades do lugar e dos veciños, e, case por norma, priman a edificación en vertical e penalizan a horizontal, ao amparo dos números do custo de construción por metro cadrado e o rendemento que se lle saca logo na venda, en beneficio das promotoras. Para non falar das facilidades que calquera concello ten para levar servizos a un edificio en comparación cun grupo de casas do rural, que non é o mesmo, por exemplo, poñerlle a traída de auga a un edificio de vinte pisos que a vinte casas espalladas ao outro lado da vía autonómica do Barbanza. Di Xulio que hai plans, ou mellor dito, partes dos plans, que só benefician ás grandes promotoras, e ao final, o solar dun ferrado que os antepasados deixaron como un tesouro, acabará, máis tarde ou máis cedo, na man do especulador que, con el merca, cunca a cunca, as terras dos veciños. Ademais, xuntando anaquiños pode adaptar o plan ás súas necesidades, construír dobrando o número posible de adosados e, con cada chaleciño, habilitar un metro cadrado para plantar céspede e ter entretido ao paisano durante a fin de semana, polo ben del e pola súa saúde, para que faga exercicio físico e non pense na hipoteca a trinta anos.