L'Estatut

JOSÉ RODRÍGUEZ CABEZA

BARBANZA

DENDE FÓRA | O |

27 ene 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

MOITA XENTE anda matinando estes días coa liorta de L¿Estatut de Catalunya, non entendendo moi ben de que vai o conto, xa que nas radios brúan, nas tertulias televisivas bufan e nos xornais topan con variopintas opinións e os políticos dedícanse a tirarse das greñas, coma nas máis rocambolescas pelexas entre mulleres das películas do western americano, cando todo isto é moito máis sinxelo. Vexamos. España podería ser algo así como o conxunto dos concellos desta bisbarra, na que Ribeira ten certas semellanzas con Cataluña, Euskadi e Valencia, que son as que máis teñen, máis piden e máis lles dan. Noia, igual que Madrid, mantén, por tradición e xeografía, a súa condición de capital, mentres que Boiro e Porto do Son estarían emparellados con Navarra, Baleares, Murcia e a Rioxa, recibindo, máis ou menos, o que lles corresponde. As dúas Castelas e Aragón están algo discriminadas, coma Mazaricos e a Serra de Outes, pero sen moito descaro. O andalucismo está representado, sen dúbida, en Rianxo, que comparte ata Virxe Moreniña e non se queixa do que recibe, senón que disfruta co que ten. Os protestóns estremeños e canarios poderían ser Carnota e Muros, en tanto que A Pobra e Lousame calan, coma lles pasa aos cántabros, astures, ceutís e melilleses. ¿E iso de que o Estado vai rachar? ¡Pero quen vai xuntar o que hai moito tempo que está esnaquizado! E que ninguén pense que estas comparanzas son desas ocorrentes retrancas ás que os galegos estamos acostumados. ¿Alguén podería dicir que é posible acadar esa cohesión que moitos tanto reclamamos de que estes concellos traballen nun proxecto común? Se isto é o que hai nun eido tan reducido e coa mesma idiosincrasia, ¿que podemos esperar dunha España tan heteroxénea? ¿E Galicia? Todos sabemos que a nosa terra non ten comparanza con ningunha.