LINGUA PROLETARIA | O |
19 nov 2005 . Actualizado a las 06:00 h.VAI FACER anos que o Toco leu nun periódico, que un tal doutor Barnard fora quen de lle sacar o corazón a un tipo e cambiarllo polo doutro paisano. Ó primeiro, ó Toco chamoulle a atención que o transplantado fose un home de 53 anos e o donante un rapaz de 25 -iso si que é ganar anos-, pero a vida nunca foi xusta e a morte e máis inxusta aínda, e ensimesmouse en profundas cavilacións sobre o significado que o tal avance médico podía traer no futuro. Chegou a dicir que a ese paso, un paisano podería cambiar as pezas do corpo como se fosen as rodas dun coche vello; que ata podía ser que se fixesen repostos e nas farmacias, en vez de menciñas, venderían corazóns, riles ou fígados -e mentres a chapa aguante o motor sempre novo-, e empezou a fabular sobre o futuro con conclusións propias dunha novela de ciencia ficción, ata que mirou para o cotelo da súa man, amputada á brava por unha carga de carburo durante unha ambiciosa xornada de pesca e ocorréuselle dicir: -A este paso, calquera día póñenme unha man nova. O señor Ramón tamén pensou que lle podían pór a man áxil e lixeira dun rapaz, ou dun mestre de escola, amarela polo tabaco e fina como o papel luído. Pero a esperanza, pronunciada en voz alta e coñecida por catro xubilados durante unha partida de Tute, axiña foi amplificada ós seareiros do bar de Manolo, e ó día seguinte coñecida por todos os veciños de Cerqueixo, para non faltar quen o aguilloase dicíndolle que lle podían pór a man dun gorila ou o pezuño dun porco. Bromas á parte, o peor foi un día, cando ó pasar polo adro, unha veciña que saía da misa de oito lle escarrou: Ramón, confórmate coa túa sorte, ¿que cristián che vai dar a man dun parente, para que logo sexa toco na outra vida? oi o freo da ciencia. Por ser ata é o freo da esperanza.