O ritual de San Alberte

BARBANZA

LINGUA PROLETARIA | O |

16 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

NO ALTO da Conlleira, outeando a boca da ría, hoxe rodeado por naves industriais e estradas, o monte de San Alberte foi e é lugar de congregación de fieis á procura da saúde e da fertilidade, cada luns seguinte ó de Pascua, a data que no calendario cristiá marca a primavera e no sentimento popular a plena bendición e florecemento dos campos. Aseguran os expertos que, algún día, neste lugar houbo un castro, e cremos algúns que este, de existir, existiu como consecuencia do grande penedo que aínda se ergue a carón da capela e noutro tempo e noutra época, foi un elemento relixioso, o símbolo sobre o que se facían todos os ritos que hoxe perviven e se fan sobre a capela: chamar polos ventos propicios, augurar se se vai ter parella ou procurar a bendición das terras de labor; e o cristianismo, que foi erguendo capelas onde outrora había un santuario pagán, acolleu como propios ritos que teñen a súa orixe no pasado máis remoto. Non se pode estudiar o santuario de San Alberte sen ter en conta a pedra que o protexe do vendaval, onde, a pesar da grande mutilación sufrida, non sei se por un canteiro desalmado ou por un integrista relixioso que con ela quería borrar a tradición, como aqueles que dinamitaron os Budas de Afganistán, aínda podemos ver gravadas concas e cruces, as primeiras vellos vasos sagrados sobre os que algún día se realizaron cerimonias, as segundas, marcas de posesión e cristianización dunha antiga icona precristiá. Quizabes, o ritual máis popular, aínda hoxe, sexa o de tirar a tella, consistente en lanzar por tres veces un anaco de tella sobre a fiestra románica da súa ábsida, de tal maneira que, se estas tres quedan no antepeito, indican que quen as lanzou vai atopar parella nese mesmo ano. Un vello rito de esperanza e fecundidade que algunha vez, cando aínda non había capela, seguramente se fixo sobre o penedo, como aínda hoxe se fai lanzando pedras ó cume da laxe dos namorados de Arcos, asemade, para adiviñar se se vai coller noivo, e tirándoas ó lintel da porta da Coutada, en Celanova, as mulleres saben se casarán ou non nese ano. Xa non se practica coa persistencia de outrora o costume de virar a tella, por medio do que, as mulleres dos mariños, para propiciar os ventos que traian ós seus homes a terra, subían a darlle volta a unha tella, algo semellante ó que se facía nun cruceiro de Rianxo citado por Castelao, dándolle a volta á imaxe da Virxe dentro da capela cara ó lugar de onde se desexa que veña o ar; e moi semellante, se o unimos ó costume de tirar a tella, ó que aínda se fai en monte Xalo, en Culleredo, lanzando unha pedra de río, a ser posible branca, sobre a grande e monumental pedra Mazafacha, para atraer ou apartar a chuvia segundo a necesidade do fiel. Eran ritos antigos, que o cristianismo herdou e mantivo, como ese outro de bendicir cestos de terra do monte que os romeiros logo esparexen, sobre os seus sementados para propiciar a bendición das terras coa terra bendita de San Alberte. Ritos propiciatorios para fomentar a vida, a saúde e a fecundidade, que se manifesta, asemade, noutro costume relacionado con este santo: a prohibición total de varrer a casa no seu día, baixo o perigo de que quen naza nela durante o ano, sexa persoa ou animal, o faga con algún defecto físico. Esta prohibición esténdese tamén ó martes de Carnaval e nalgúns lugares aínda ó Xoves Santo, e por iso, cando nalgunha casa da bisbarra hai unha muller preñada ou en idade e condición de preñar, para evitar os males propiciados se alguén tocase á vasoira en tales datas, procúrase unha galiña choca co fin de que, o mal que a vasoira depara pase ós pitos e non no crío que vai nacer.