FOTO ANTIGA
27 ene 2005 . Actualizado a las 06:00 h.Que curiosas son as pegadas do tempo, conxelando anacos de pasado para darlles forma de eternidade. Como nesta fotografía, onde todo é inestable pese á vontade de quietude. E sen embargo, o conxunto semella unha longa pose inexistente; a mesma que os protagonistas pretenden e só acadan os espectadores. Trátase de aparencia. As sombras corren disimulando ó seu mutuo encontro, antecesor da noite segura. A muller co mando de herba é unha presenza fugaz, de camiñar retido polos labores diarios. O mozo, de vital sorriso sportman , concede a barra da súa bicicleta para que ela, protagonista involuntaria, atope un humilde Aiga no que adobia-lo seu corpo recén chegado á madureza, auténtica razón quizais deste anaco de tempo feito papel. O neno, pola súa banda,, só busca un intre efémero que rouba coa conivencia dos mozos. Na súa roupa, grande e vella, agocha a deserción das fames presentes e vindeiras, ansiando coarse na manchea de fotografías que, de seguro, o agardan máis alá do océano incógnito. Nesta fotografía, como en todas, acubíllase unha premonición tráxica que só nos descobre o paso dos anos. Pero esa estrada de frescas sombras en perspectiva, a rúa Principal de Boiro a principios dos anos corenta, é un anaco da nosa propia memoria. Unha estación máis do labirinto inefable que é a vida, no que todos somos invitados. Por iso, como Ariadna e o seu fío, tentamos balizala prendendo pequenas boias con aparencia de eternidade. RÚA PRINCIPAL DE BOIRO. A fotografía foi tomada a principios dos anos corenta, cando a rúa Principal era unha fresca avenida de vellos plataneiros que intuían a chegada da modernidade