DENDE FÓRA | O |
07 ene 2005 . Actualizado a las 06:00 h.VALLE-INCLÁN SOÑABA con edificar unha casa, murada con pedra da Barbanza. Malpocado intento de quen vivía da pluma. O mesmo que vender xelados no polo norte. Despois veu a moda do ladrillo, e moitas graníticas vivendas foron disfrazadas con recebos, encalados ou azulexados. Isto, no mellor dos casos, xa que houbo quen soterrou verdadeiras xoias saídas das mans daqueles antigos mestres canteiros, como balaustres, capiteles, pilares de canteríos e ata fornos de tres pezas. Menos mal que aínda conservamos moito desa arquitectura popular, como se pode ver en Noia, A Pobra ou Muros e moitos outros lugares do rural, no que é doado visualizar, debidamente rexenerados e revalorizados, alpendres, adegas e vivendas. Dí o refrán que non hai mal que cen anos dure e, nisto da pedra, así o parece cando se entra no polígono industrial da Tomada e tropezamos cun moderno obradoiro repleto de pezas de cantería de todo tipo, actividade que, venturosamente, está medrando. Certo é que nestes obradoiros traballan moito as máquinas e pouco os canteiros, o que fai posible abaratar custos. Pero no abaratamento dos prezos é onde está o segredo de que, progresivamente, poidamos voltar a certa normalidade no uso das nosas máis senlleiras materias primas.