DENDE FÓRA | O |
29 sep 2004 . Actualizado a las 07:00 h.ESCRIBO. TI estabas alí, lendo ese libro de Saramago A Caverna. Aínda así, non me deixa de resultar estraño o lugar no que les, O Pindo. Esa montaña que estremece. Supoño que as luces de setembro foron decisivas para a túa elección. Coñézote, detrás da túa mirada doce, sei que podes teimar, incendiar os penedos e resucitar aos nerios petrificados neses outeiros increíbles, e outra vez, devolverlles a palabra. Fágome cargo. O terror que debiu sentir o romano, Décimo Junio, ao pisar esas paraxes e mirar o espectáculo do mar infinito. Non é difícil imaxinar o momento. Esa terra sobrecolle e fascina. Estes días, o alcalde de Carnota reclamaba máis atención para a comarca, máis inversións da Xunta en infraestructuras e máis desenvolvemento no sector turístico. A verdade, difícil é de entender que a estas alturas a Costa da Morte siga nas profundidades dun país tan único, tan desigual. Terras dunha beleza de soño, cunhas posibilidades inmensas que até de agora seguen nas antípodas das distintas Administracións do Estado. Desgraciadamente, punteiras en catástrofes. Logo, o silencio habitando eses cantiles do fin do mundo. Paréceme ben que a voz do alcalde carnotano sexa un vento fresco que chame ás portas, ou mesmo, que as derrumbe. Agora decátome, ese retiro teu é algo máis. Poida que por iso, por pisar a terra prometida.