DENDE FÓRA | O |
19 may 2004 . Actualizado a las 07:00 h.É VERDADE, esta reflexión chega un pouco fóra de tempo, non fóra de lugar. Un leva no sangue o mundo entrañable no que vive, é un xeito de estar, de ser. Un leva a língua empapada de verba. Sabes de onde ves, sénteste inmemorial, gústache, eres terra. A Barbanza, a miña aldea, este meu territorio natural, as rías, o mar infinito de Corrubedo, as montañas minerais da serra. Terra mariñeira e labrega de fala doce, flor na boca. Este maio, o pasado 17, celebrouse en Galicia, na nosa comarca o día das Letras Galegas, a festa da cultura que aquí pasou sen pena nen gloria, coma unha visión, catro testemuñas insignificantes baixo un panorama ermo e de penuria. Os nosos concellos en canto a cultura se refire, non mostran compromiso, máis ben rondan o esperpento. Os gobernantes da Barbanza, salvo nalgún caso raro, máis parecen interesados na morte da intelixencia, é decir, participar e fomentar unha cultura morta. Isto dá a medida do que temos e onde estamos. Dende logo, se o amor á terra e á cultura, digo, se gañase por méritos, levarían o premio ó estranxeiro un millón e moitos. A resolución da Xunta, aínda con boas intencións ó declarar esta data festiva, poida, que non fose a máis acertada para o ben da cultura. Este país escéptico, indiferente, lonxe do corazón, leva no seu compromiso vital a morte da memoria e dos valores. Implícito desamor.