DESDE FUERA | O |
03 feb 2004 . Actualizado a las 06:00 h.ERA O día do centenario de Antonio Machín, que era coma moitos polo mundo adiante, un descendente de galego. No serán, caín nun bar de Noia, onde un fato de xente, algúns maiores ca min, estaban a cantar. Entre eles había alo menos dous que foran estrelas da desaparecida orquestra Veracruz de Noia. Ou sexa, bos cantantes. E fixeronnos un recital de cante, polo que me lembrei que fai xa algúns lustros, quizais décadas, comezaron a aparecer en bares e tabernas uns letreiros nos que se poñía «Prohibido cantar», o que xa me semellaba unha contradicción no segundo país máis ruidoso do planeta, e lembro que nalgúns estaballe engadido tamén «e escupir». Xa choveu dende entón, mais entre os recitais de chim, pam, pum que escoitamos principalmente os fins de semana, eu, que debo quedar anticuado, sego a ter preferencia polo cante nos bares. E máis aínda, coma ese día centenario, ademais dun cantante, era un pracer escoitar algunhas das súas máis belas cancións, nas que gardenias e anxos negros lle daban ese toque de solenmidade, de lembranza e de bailes nos días de festa. E qué dicir de Concha Piquer, e de algún tango, que algunha parella aproveitou para botar uns garbeos. ¡Que pracer, meus amigos! E iso que a min tamén me gusta a música moderna. Penso agora que tiñamos que voltar e cambiar: poñer carteis nestes locais nos que se diga que se pode cantar, que non é o mesmo que berrar.