Venres non só de copas

VEIRAS MANTEIGA

BARBANZA

DENDE FÓRA | O |

11 nov 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

UN COMENTARIO abondo oído en Noia é que non pasa nada, falando culturalmente. Pode ser certo, por iso hoxe quero falar da iniciativa que Socorro e Pedro promoven no seu local de copas. A súa clientela xa sabe por onde vou. Nese local, que non é unha sala de espectáculos, pasan tódolos venres contacontos, solistas e grupos musicais. Aparte disto, interesante é que son artistas noveis, mozos e, a maioría das veces, descoñecidos os que alí actúan. Outra cousa ó seu favor é que non se pecha a ningún estilo. Unha semana pode ser música afrocubana, outra jazz, mañá tangos arxentinos. E tamén, de vez en cando, un contacontos galego ou, coma o outro venres, uns fabulosos Cubatas Focking Brothers cheos de humor, sarcasmo e crítica que, ó contrario do que moitos pensan, de paiasos non tiñan nada. Lembrade, tódolos venres, pola medianoite, sempre hai algo que escoitar, algo que ver. Que non se diga que en Noia só hai aburrimento, só bares onde tomar copas. Gostariame que esta iniciativa, ou algunha semellante, pase pola testa dalgún empresario máis e que Noia empece a ser un referente para a vida cultural en toda a comarca.