Da cosa nostra

MANUEL TEIRA

BARBANZA

DENDE FÓRA | O |

08 oct 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

POR MOTIVOS aínda de todo non clarexados, sentín sempre unha especial debilidade por todo aquilo que sexa mediterráneo. A súa cultura, a historia, esa luz enfeitizante, as súas illas zarricando as costas, en fin, todo un mundo fascinante. Sicilia mediterránea, a illa, Siracusa, Catania, o porto de Augusta, aquí arribaba o pailebote que me traía dende Haifa. Sicilia, din, da Cosa Nostra. Poboada dunha sociedade devota das tradicións máis arraigadas, incólume nos costumes... non por todo isto deixa de ser berce da organización delictiva con máis sona do mundo: a Mafia. Tamén Galicia, apostólica, dá semellantes perfís, con familias de ben. Moi perto, en Rianxo, o cacique Viturro, fidalgo e mangoneador. Sagas que manexaban o trapicheo con toda impunidade abocando ó pobo galego a unha situación de atraso e miseria. Vén a conto de que algúns empresarios da comarca, amparados as máis das veces en subvencións millonarias, para nada beatos da madre Teresa de Calcuta, maquiavélicos no seu obradoiro mental, adícanse, por aquilo da exclusividade e da non competencia, a extorsionar a outras empresas máis febles, é dicir, a outros sen amigos e sen subvencións, pero do ramo do elefante. Son, dende logo, novas indignantes para a ética empresarial da comarca.