Veciños, amigos e familiares do creador de Taramancos viviron onte con emoción e, sobre todo, con sentido orgullo a homenaxe que lle brindou a Real Academia Galega
17 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.No Olimpo das letras galegas onte estaban de noraboa. Alfonso Castelao, Francisco Añón, Manuel Antonio e Rafael Dieste tiñan motivos para estalo. Non se lles vía tan ledos desde 1995, cando festexaron o ingreso do autor de A fiestra valdeira . Onte, as portas abríronse de par en par para dar a benvida a Antón Avilés Vinagre, o xirín de Taramancos. Con el, complétase a primeira quinta do Barbanza na morada dos deuses da literatura dun país do que o poeta da parroquia de Boa se sentía fiel soldado, infatigable loitador. As bágoas da súa viúva, Sofía Baquero, no Coliseo Noela, foron a simbólica peaxe que tivo que pagar a cambio da divinidade do seu amado Antón, o último alento co que empurrou o veleiro que deixou atrás a ría de Noia para coller rumbo a unha nova Ítaca, a patria dos mitos que se escriben con maiúsculas. -Sofía, ¿que lle pareceu o acto da academia? -Divino. Ningún epíteto máis acertado que este, na doce e mainiña voz da Sophia , da sabedoría, que deixou agromar no seu rostro toda a emoción que os seus fillos, na segunda ringleira do patio de butacas, trataban de conter apretando os beizos. O coliseo enteiro en pé entonaba o himno de Galicia, coa música de fondo dos rapaces do conservatorio Felipe Paz Carbajal, que tanto lle deben ó homenaxeado. Amigos, moitos amigos e coñecidos do escritor, ademais de familiares, veciños e autoridades, formaban parte dese coro polifónico, convertindo por un intre o fogar de Breogán nun quentiño fogar de Avilés. Achegábase o momento do adeus institucional. A medida que ese horizonte se facía máis palpable, se ían enchendo de orgullo os corazóns dos compatriotas de Antón. Un recoñecemento así ben pode excusar algunhas meteduras de pata. A poeta Luz Pozo Garza mudou os rostros dos noieses cando transformou o monte San Lois nun estrano monte San Luis. Máis se lles resistiu ós académicos o nome do alcalde da vila. No seu asento aparecía identificado como Rafael García Novo, mentres que o presidente da egrexia institución, Xosé Ramón Barreiro, referiuse a el rebautizándoo como Rafael García Guerra.