«Os pais deben implicarse máis»

La Voz

BARBANZA

Sonia Piñeiro Vilanova, presidenta da APA do Colexio Ana María Diéguez de Asados

01 jul 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Sonia Piñeiro enfróntase ó seu terceiro ano consecutivo coma presidenta da Asociación de Pais de Alumnos do Colexio Ana María Diéguez de Asados (Rianxo). Nada no veciño lugar de Burés pero casada en Asados, Sonia Piñeiro pode presumir de ter unha das entidades de proxenitores máis orixinais da bisbarra. -¿Por que que entrou na APA de Asados? -O anterior presidente da APA tiña que deixar o cargo porque o seu fillo cambiaba de colexio. Eu realmente non quería, pero os compañeiros que me apoiaban case me impuxeron ser a presidenta. -¿Que atopou cando ingresou na entidade? -Atopei xente moi pouco colaboradora, a excepción dos meus compañeiros. Eu quixera que os pais asisitiran ás reunións porque, coa súa opinión, pódense buscar de facer outras actividades. -¿Cales son os traballos que desenvolven? -Nós traballamos para ter actividades de interese para nenos e pais, ós que lles fixemos un cursiño de cociña que quedou moi ben. Tódolos anos poñemos en marcha varias iniciativas. Neste curso organizamos cursiños de natación, pintura, música, inglés, patinaxe e teatro. -¿Como xurdeu a actividade de teatro para pais? -Ó principio o teatro foi para animar un pouco ós rapaces, pero vimos que os pais tamén se interesaban. Entón os pais, xunto con algún avó, representamos no patio do centro a obra A visita do inspector , que é moi divertida. -¿Non é esto algo pouco frecuente nunha APA? -Non temos moito contacto con outras asociacións e non sabemos se é habitual que os pais representen unha obra de teatro. O que si che podo asegurar é que o pasamos moi ben. Divertímonos moito. O outro día tamén fixemos unha cea para nais estresadas. -¿Teñen pensado representar outra obra? -Se os pais cooperan coma este ano si, porque estamos moi animados. -¿Por que? -Porque queremos que os pais participen cos nenos, deben implicarse máis, porque agora o centro ten unha boa dirección que colabora cá APA e axúdanos moitísimo. -Agora porán en marcha clases de xadrez, ¿non? -Si, e agardamos que se apunte a maior cantidade de nenos posible. Recomendamos ós pais que os animen porque o xadrez é moi bo para axudarlles na concentración, na memoria e nos estudios. -¿E para cando as clases de informática? -Empezámolas tamén agora e rematarán en agosto para continuar en setembro. -¿Está satisfeita co seu cargo de presidenta? -Si, de verdade. Xa levamos tres anos e vou continuar outro, porque renovamos o ano pasado por dous cursos, según din os estatutos. -¿É difícil criar un neno hoxe en día? -Non hai receta ou nós non a sabemos. Hoxe en día os pais e as nais traballan fóra da casa e non se lles pode adicar tanto tempo coma antes.