O NORTE E O SUR EXISTEN NA AROUSA

La Voz

BARBANZA

04 may 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Sempre se dixo que mentras o Norte nada na abundancia o Sur morre de fame. O tópico é fácil de entender: os países ricos do Mundo están arriba, e os pobres, abaixo. Parece a vida mesma: o cacique enriba do asoballado, pisando con máis ou menos forza, pero pisando, que é do que se trata. Nembargantes, a teoría revírase na Arousa, nos concellos da ribeira. Explícome: Hai uns días, por circunstancias de amistade, pasei unha agradable xornada no outro lado do mal chamado Mediterráneo galaico (quen lle dera ó caldoso mar ser coma a ría), e as miñas conclusións foron que o Sanlés e mai-lo seu entorno están a anos luz do Barbanza. É como si Franco morrera en Arousa Norte no 85, e a partir daquela data, por poñer unha de partida, empezara o desenrolo de Rianxo, Boiro, Pobra e Ribeira. No Sur, leváronme por unha estrada en obras que, polo visto, vai ser máis ancha que a vía rápida, e non vaian pensar que é a prolongación da autoestrada do Atlántico nin o desdobre da vía rápida do Sanlés; non, non, é para mellorar os accesos a un campo de golf, un deporte que polo visto tende a ser maioritario na mesma Galicia verde, de choiva e vento, de frío e humidade, que temos no Norte. E digo maioritario con rintintín , como gusta referirse un amigo meu á ironía empregando o nome de tan célebre can. A vía rápida do Sanlés xa está a pensar na próxima actuación de mellora, i eso que as obras de reparación e aplicación dunha capa drenante empezaron casi ó mesmo tempo que en Barbanza, é dicir, máis tarde, e remataron antes. Pode que o desdobre do que tanto falan os nosos políticos acabe indo antes para o Sur, o que non sería extraño, pois na miña estadía comprobéi como a rede de estradas principais está moito mellor que a de Barbanza, onde conseguimos a duras penas algún que outro bacheo da C-550 para ternos calados un par de semanas, xusto o tempo que tardan en reproducirse os furados. E fixaránse vostedes que só estou a comparar o Norte co Sur da Arousa. Non pensen que me esquezo das vilas da ría de Muros e Noia. Non, que va. Esquecer esquecéronnas as administracións, porque nestes concellos da a impresión de que Franco morreu no 95, tamén por poñer unha data de referencia, entre o rancio pasado e o lento progreso. Hai que recoñecer que algo avanzamos, pero semella que moi pouco cando se nos da por saír da reserva para ir comer cuns amigos. ¡A quen se lle ocurre!