Pastor Rodríguez Santamaría, escritor e investigador
03 nov 2001 . Actualizado a las 06:00 h.Pastor Rodríguez vén de publica-lo Diccionario de escritores ribeirenses, no que fai unha recompilación de tódalas persoas nacidas ou relacionadas con Ribeira que se adicaron ó mundo da literatura, ou que se inspiraron no concello barbanzano para escribi-las súas obras. Ós seus 28 anos, Pastor considérase, máis que escritor, un «investigador da memoria histórica perdida». De feito, xa vai tendo unha longa experiencia na elaboración de traballos deste tipo. -¿Por que decidiu escribir este libro? -En realidade non foi iniciativa miña, senón do instituto Leliadoura de Ribeira. Querían complementar unha exposición que van facer a finais deste ano sobre escritores do Barbanza, que irá acompañada tamén dun ciclo de conferencias dos literatos vivos. Pensaron en min porque xa fixera un libro sobre os literatos da zona titulado Escritores da Barbanza no ano 1999. -¿Como definiría a súa nova obra? -Pretende ser un breve catálogo no que se citan ós escritores ribeirenses e a outras persoas relacionadas coa cidade, tamén políticos e mesmo outros autores foráneos que trataron temas ribeirenses, como Fermín Bouza Brei, Álvaro Cunqueiro ou Eladio Rodríguez. Ademais, contén un interesante apéndice gráfico no que se poden ver reproduccións a cor das cubertas dalgunhas desas publicacións. -¿Ten previsto facer outro libro sobre autores do resto dos concellos? -Si. Xa teño case listos un sobre escritores de Pobra e outro sobre Noia. Os do resto dos concellos xa están en avanzado estado de elaboración. Tamén estou a investigar sobre autores dos séculos escuros da literatura galega. -¿Xa hai fecha para esta publicación, aínda inédita? -O libro presentarase no Leliadoura conxuntamente coa exposición cando se poida levar a cabo a inauguración, pero aínda non se sabe cando. Despois, a publicación por separado, darase a coñecer oficialmente nas instalacións municipais. -¿Cal é a finalidade do seu diccionario? -Pretendo catalogar tódolos escritores de Ribeira para que os escolares e os interesados nos temas ribeirenses teñan un punto de partida ó que poidan recorrer á hora de facer traballos de investigación literaria.