Un compendio de literatos locais

La Voz

BARBANZA

FICHA TÉCNICA

03 nov 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

O libro Diccionario de escritores ribeirenses, de Xoán Pastor Rodríguez Santamaría, está editado pola Deputación da Coruña e consta de 134 páxinas, das que as últimas 40 son a toda cor. Conta cun prólogo do presidente da institución provincial, José Luis Torres Colomer, no que salienta a importancia da obra para coñecer mellor ós literatos locais. A primeira sección é o catálogo de autores, no que se recollen, por orde alfabética, dende Manuel Acuña y Malvar ata Fidel Vidal Pérez, tódolos escritores nados no municipio de Ribeira, cunha breve biografía na que se inclúen tódalas súas obras e unha completa bibliografía. A seguinte parte, titulada Outros autores ribeirenses, inclúe diversos personaxes relacionados coa localidade que fixeron colaboracións en medios de comunicación, presentaron teses de doutoramento sobre temas locais ou gañaron premios literarios, pero sen chegaren a ter publicado ningún libro. Ó final inclúese unha coda na que se lembran a outras persoas do mundo da cultura que tiveron algún contacto con Ribeira, coma o caso de Suso de Toro, que foi profesor do Instituto de Coroso. A parte central do libro adícase ós temas ribeirenses tratados por escritores foráneos. Nesta sección ofrécense fragmentos das súas obras nos que aparece reflexados elementos da capital barbanzana, coma o dolmen de Axeitos ou a illa de Sálvora. Tamén hai unha breve lembranza para tres políticos foráneos que estiveron vencellados a Ribeira, así coma para boa parte das publicacións periódicas que apareceron na localidade e mais para os xornalistas de La Voz de Galicia en Barbanza. As derradeiras páxinas do volume recollen unha ampla bibliografía, que culmina co apéndice gráfico, no que se poden ve-las portadas de libros sobre Ribeira, moitos deles descoñecidos.