ALBERTO HEVIA A ENTREVISTA Xesús Rábade, escritor e catedrático de Lingua Galega, reside en Rianxo
21 may 2001 . Actualizado a las 07:00 h.O novelista, autor de ensaios e poeta Xesús Rábade leva máis de 30 anos a voltas coa literatura, obtendo importantes galardóns como o Álvaro Cunqueiro coa novela Branca de Loboso ou o Esquío de poesía por Poldros de música. Cuns vinte libros publicados, Rábade é hoxe catedrático de Lingua Galega e reside en Rianxo. -Fale da súa infancia. -Fun fillo dun pai de 11 fillos, como digo no meu libro Xuntos cara ó mañán. Todos traballamos na agricultura sen posibilidades de estudiar; só o fixen eu. Empecei ós 15 anos o bacharelato e inicieime na creación literaria. En Lugo explicaba a clase de Literatura Xesús Alonso Montero, que foi o apoio de moita xente, e para min tamén durante os primeiros tempos. -¿Coñeceu vostede a realidade da emigración? -Estudiei Historia, pero ía nos veráns a Suiza para paga-los estudios. Traballei de fregapratos no aeroporto de Xenebra e sí, coñecín a realidade da emigración. Froito desa experiencia publiquei en 1974 a primeira novela, A terra prometida. -¿De dónde lle ven a súa afición literaria? -A afición da escritura nace da lectura, que para min é sempre unha viaxe apaixoante. En certo modo, a actividade do lector e do escritor son paralelas, en xeral. Un bo lector pode experimentar un grao de satisfacción igual ó do escritor. O lector é un creador tamén. -Cómpre falar da súa dona, Elena Villar Janeiro. -Evidentemente. A nosa unión foi moi fructífera. Cando tivemos ós nosos fillos non había literatura infantil en galego e decidimos aporta-la nosa contribución. Formamos un matrimonio literario durante máis de 10 anos. Despois divorciámonos nesta faceta para que Elena impuxese a súa voz. -¿É un innovador? -Trato de mante-lo equilibrio entre memoria e imaxinación, entre pasado e futuro, entre a tradición literaria do país e a súa necesaria revisión constante. -¿Tivo vostede problemas coa censura? -Vivín parte da adolesecencia e madurez baixo a dictadura, con consecuencias negativas. A defensa da lingua costoume a beca e tiven que face-la mili forzosa. Lamentable. Polo feito de escribir en galego e ante a imposición do castelán. -¿Que opina da figura de Eladio Rodríguez? -Paréceme de xustiza que se lle adicase o Día das Letras a este pioneiro na recolleita de palabras. O seu Diccionario enciclopédico galego-castelán é a fonte sobre a que se basearon obras posteriores. A labor de campo estaba feita por él.