As verbas lévaas o teatro

A. HEVIA RIBEIRA

BARBANZA

S. BALVÍS / C. QUEIJEIRO

Os barbanzanos celebraron o Día das Letras Galegas con numerosas actividades nas que os rapaces foron os protagonistas Charlas, contacontos, marchas en favor da lingua e, sobre todo, teatro foron as actividades que os colexios e asociacións da área barbanzana escolleron para celebrar onte o Día das Letras Galegas, unha xornada que tivo os seus prolegómenos dende os primeiros días deste mes de maio. No municipio de Pobra, os rapaces do Salustiano Rey Eiras emularon ós mellores artistas de teatro para poñer en escena a obra «Lindaflor», unha peza interpretada por dez alumnos, de 6 a 11 anos, dirixidos polo ribeirense Domingo Armental. Por se alguén se perdeu este divertido traballo, hoxe voltarán a subir ás táboas no centro.

17 may 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Os seus pais están moi preocupados pola enfermidade que padece Lindaflor, pero esta rapaza sofre de mal de amores. Esta é a trama da divertida representación dos nenos de Pobra. Tamén os alumnos do instituto Virxe do Mar de Noia, levaron a cabo unha escenificación. O mércores pola tarde, os estudiantes puxeron en escena, no coliseo Noela, a peza Os gregos tolearon. Acto seguido, as compoñentes do dúo Palique e os membros do grupo Baúl ofreceron unha combinación de contos orais e un espectáculo de guiñoles, nos que predominou o humor. O público estivo composto, maioritariamente, por alumnos, mestres e pais vencellados ó Virxe do Mar, que foi o centro que organizou esas actividades. Tamén co gallo das Letras Galegas, o Grupo Filatélico e Numismático noiés difundíu onte, desde o coliseo Noela, un mataselos especial, coa faciana de Eladio Rodríguez González. Ponencia e concurso Nin venta de sellos nin teatro tiveron cabida no apretado programa de actividades da asociación veciñal a Unión, da parroquia boirense de Cabo de Cruz. Pero si fixeron sitio na axenda para recibir ó escritor e xornalista Xosé Neira, quen dou unha charla sobre literatura infantil na sede do clube de xubilados. Esta conferencia dou paso a unha sesión de lectura conxunta na que puxeron a voz os nenos do colexio Valiño. Xa pola tarde, tivo lugar a entrega de premios do segundo concurso de fotografía. Quenes máis en forma se puxeron foron os rapaces do centro educativo ribeirense Bayón. Onte pola mañá, pegáronse un pequeno madrugón para participar no tradicional Andatón, unha a actividade que os levou a percorrer distintos puntos do municipio de Ribeira. Hoxe retoman unha proba na que o coñecemento da paisaxe é o principal premio que acadarán cando cheguen á meta os numerosos rapaces que participan nesta iniciativa.