Límites

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

VILANOVA DE AROUSA

21 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Estes días véuseme á cabeza unha curiosa crenza ou pensamento que tiña de pequeno que di moito sobre este lugar do mundo no que vivimos. Imaxinábame o aburridas que habían ser as vidas de quen tiña a desgraza de residir nunha vila do interior. Daquela pensaba que esa terra dentro eran as desoladas chairas de Castela e aínda non era consciente de que Galicia tamén tiña un interior. Esas pobres xentes habían vivir unhas vidas limitadas, nunha paisaxe monótona, con poucas novidades que descubrir.

Púñao en comparanza coas nosas ribeiras do mar de Arousa: o mar como un camiño continuo, unha plataforma de comunicación que nos conectaba cun universo ribeirán enteiro, alén da propia Arousa, onde ían os nosos pais traballar. E podo asegurar que non era eu só.

Pensen no seu contorno: como hoxe aínda moitos barbanceses pensan no interior de Galicia como unha terra ancestral e mal comunicada, no que se fala o galego «de verdade» porque vivían illados. Ata o teño escoitado en relación a... Outes!

Por suposto, todo era un estereotipo sen base real. Ao mar só saían os mariñeiros e no verán o resto a dar un paseo. Pero a cor cambiante, as luces de Cambados ou Vilanova á noite, contribuían a facernos crer que o noso mundo tiña poucos límites porque os nosos ollos non os tiñan. Neste tempo de confinamento municipal, a min tocoume Santiago e xa comezo a me sentir atrapado nesta gaiola de pedra. Pregúntome se a vós aí no Barbanza, o mar segue a vos dar ese alivio inocente que tanto boto de menos.