Os concellos arousáns asfaltan 19 pontes e acueductos coa elección das datas dos seus festivos locais

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Imagen de la celebración de una de las ediciones de la Romaría da Virxe das Cabezas de Armenteira, el lunes de Pascua
Imagen de la celebración de una de las ediciones de la Romaría da Virxe das Cabezas de Armenteira, el lunes de Pascua MONICA IRAGO

Marzo, outubro e decembro serán os únicos meses deste ano sen un só día festivo local na zona.

07 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

A celebración de San Xulián na Illa de Arousa e en Pontecesures abre o calendario de festivos locais nos once concellos da banda sur da ría de Arousa e o interior do Salnés. A súa elección, potestade das respectivas corporacións municipais de cada concello, dará paso a dez pontes e á posibilidade de que as empresas e demais negocios dos municipios correspondentes fixen ata sete acueductos máis aló dos dous que gozarán os veciños de Meis e de Meaño ao elixir o 6 de abril, luns de Pascua. 

Ambos os dous concellos comparten este ano elección, logo de ter escollido tamén o martes de Entroido como día feriado. No caso de Meis, cambiándoo polo San Bieito (11 de xullo) que celebrara no 2025. No de Meaño, sendo a única localidade da contorna que decidiu virar 180 graos, logo de ter desfrutado o ano pasado de cadansúa data inhábil o 11 de xullo, polo San Bieito, e o 13 de decembro, Santa Lucía.

En total, son cinco os concellos que optaron por repetir os seus festivos propios. Na Illa de Arousa, ademais do San Xulián, volverán gozar do martes de Entroido (este ano o 17 de febreiro), no Grove honrarán a Virxe do Carme, o 16 de xullo (xoves), e a San Martiño, o 11 de novembro (mércores), en Pontecesures San Xulián mantén o seu combo coa Festa do Carme, no caso da localidade do Baixo Ulla o 6 de xullo (luns), en Ribadumia volven apostar polo luns de Pascua (6 de abril) e polo día grande da Festa do Viño (venres 5 de xuño); e en Vilanova de Arousa polo 15 de xaneiro, San Mauro (xoves) e polo 16 de setembro, San Cibrán (mércores). 

Mirando cara as fins de semana

Valga e Vilagarcía de Arousa fixeron unicamente cambios técnicos nas súas tradicionais datas festivas. No primeiro municipio celebrarán a Candelaria, o 2 de febreiro, en vez do San Blas, un día máis tarde e data elixida o ano pasado; en ambos os dous casos caendo en luns. Santa Cristina, o 24 de xullo, repite no calendario festivo valgués. Na capital arousá, pola súa parte, Santa Rita, o 22 de maio, manténse fixa, decidindo este ano a corporación municipal pasar o día de descanso asociado á xornada na honra de San Roque, o 16 de agosto, ao seguinte, por coincidir o primeiro en domingo e este último en luns.

Nos dous concellos restantes da zona, Cambados e Catoira, optouse por cambiar un dos dous festivos locais respecto ao 2025. Na vila do albariño, Santa Mariña (18 de xullo) quedou relegado en favor do luns de Entroido (16 de febreiro), respectándose a tradición de honrar un 11 de xullo máis a San Bieito. Na localidade do Baixo Ulla repetiráse como xornada feriada o día seguinte ao día grande da Romaría Vikinga, o luns 3 de agosto, cambiando o San Antón de Padua (o luns 14 de xullo luns no 2025) polo 6 de xullo (luns).

Marzo, outubro e decembro son, así, os únicos meses deste ano sen un só día festivo local na zona.