A drogaría que nunca deixou de estar aberta

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

Pechado no 2014 o seu case centenario e icónico local na céntrica Rúa Alcalde Rey Daviña, D.S. Salgado é exemplo de empresa familiar capaz de adaptarse aos tempos para, coma hoxe máis ca nunca, facerse necesaria

02 may 2020 . Actualizado a las 10:05 h.

Desde 1932

Onde está

Na semiindustrializada recta de Rubiáns, á saída de Vilagarcía de Arousa cara Pontevedra.

1.932. Vilagarcía de Arousa desbordaba vida. No primeiro terzo do Século XX o carácter emprendedor dos seus habitantes e a súa ubicación estratéxica, porto de Santiago cos seus 42 quilómetros de vía férrea ata a capital, atraían as visitas periódicas de varias armadas estranxeiras, con consulados varios formando parte da súa paixase urbana. Os veciños da ría de Arousa, os da beira sur, pero tamén os da Barbanza, tiñan en Vilagarcía o seu gran centro comercial, máis parecida a unha cidade, ca unha simple cabeceira comarcal. Un terreo fértil que atraeu a moitos foráneos que buscaban construír un futuro próspero para si, e para as súas familias. O ourensán Emilio Pérez Salgado foi un deles.

Xunto á súa muller, Emilio montou unha pequena tenda e un almacén na céntrica Rúa Alcalde Rey Daviña para a venda de produtos de drogaría ao por menor e ao por maior. Un negocio que non tardaron en visitar todo tipo de clientes. Mesmo profesionais da fotografía, co establecemento incluíndo daquela entre o seu catálogo os produtos para as cámaras e o revelado. Tamén personaxes da alta sociedade, atraídos polos perfumes importados desde París por Pérez Salgado. Hoxe, 88 anos despois, a terceira xeración da saga mantén moi vivo o negocio. E faino grazas á súa capacidade probada para adaptarse aos vaivéns do mercado e seguir adiante, sabendo medrar cando as condicións o permitiron, pero tamén redimensionarse cando a realidade o requeríu.

A tenda e o almacén de Emilio acabarían desembocando en D.S. Salgado S.L. Unha firma de drogaría que no ano 2000 dispoñía de dez tendas propias baixo a súa mesma denominación e a marca Dyps, e que facturaba 1.500 millóns de pesetas -9 millóns de euros-, impulsada pola súa entrada no circuito de centrais de compras, e a maior accesibilidade ao mercado que proporcionaban.

Vinte anos despois, D.S. Salgado S.L. mantén unha única tenda propia, na cidade de Pontevedra -no 2014 pechaba o seu icónico establecemento en Rey Daviña-, e a súa facturación anda na metade -4,27 millóns de euros no exercicio 2017, segundo o informe Ardán-. Pero, como demostra nestes aciagos días de pandemia, más viva e necesaria ca nunca. Co seu almacén na recta de Rubiáns, Vilagarcía, convertido nun deses milleiros de pequenos alvéolos que manteñen a regulación de osíxeno dunha sociedade confinada desde hai mes e medio.

No seu catálogo, D.S. Salgado S.L. dispón de 6.000 referencias de limpeza, de ferretería, de produtos agrícolas e de perfumería. Con esta última supoñendo o 30 % da súa facturación, e coas ferreterías vendo caer o seu negocio en picado, na firma vilagarciá temeron o peor nos primeiros días do estado de alarma. «Cuando vino todo este problema de la pandemia no sabíamos si íbamos a poder seguir trabajando. Estábamos todos perplejos por la situación», conta Alberto Pérez Fontán, xerente de D.S. Salgado. Tanto foi así que, con 18 traballadores en nómina, «temimos tener que hacer un ERTE». Non foi así.

No súa última metamorfose empresarial, D.S. Salgado S.L. abandonou o modelo de crecemento a través dunha rede ampla de puntos de venda propios, para centrar o seu negocio na distribución a drogarías independentes, competencia local das grandes cadeas. Tendas de proximidade de Galicia, de Asturias e de Portugal, xeralmente moito máis pequenas cas respaldadas polos emporios do sector, ás que «les está yendo muy bien» desde o inicio da alerta sanitaria, comenta Pérez. Un fenómeno que atribúe «al miedo de la gente a ir a los supermercados, prefiere acudir a las tiendas de los pueblos» a surtirse de produtos de hixiene. Os de toda a vida, e os que se fixeron indispensables nun tempo récord, ameazando con facerse un oco permanente na cesta da compra.

Así, pese a que «la parte de nuestro catálogo de productos con más margen de beneficio ha bajado», perfumería e ferretería, «hemos aumentando un 10 % nuestra facturación al dispararse la demanda de la parte de higiene». E iso, «manteniendo ele margen de beneficio» que obteñen cos prezos de venda, subliña Pérez.

Un mes sen novo Scottex

A primeira sorpresa coa que se atoparon en D.S. Salgado foi «el bum del papel higiénico en la primera semana». Un fenómeno que no seu caso se traducíu en que a multinacional Kimberly-Clark, fabricante da afamada marca Scottex, «lleva un mes sin proveernos». E aí é onde entra a bagaxe e o traballo de décadas atesourado pola firma vilagarciá, que tirou da súa listaxe de contactos para cubrir a través doutros provedores, galegos e portugueses, o crecemento brutal da demanda de papel hixiénico que precisaban as tendas que compoñen a súa clientela.

Máis difícil lle resultou á distribuidora atender os pedidos doutro produto tan común como a lixivia nas cantidades e tempo que lle requerían ante saturación do seu subministrador habitual, recorrendo a unha fábrica de Asturias.

Co abastecemento de xel hidroalcólico e mesmo das máscaras de protección comezando a normalizarse tras unhas primeiras semanas nas que lles chegaban a contagotas, saíndo do almacén case no momento no que entraban, o outro gran produto do momento no mundo da drogaría, os guantes de látex, era onte o único pendente de estabilización. Probablemente, a vindeira semana, calcula Alberto Pérez, que nos di que «en un mes vendimos tantos guantes como en todo un año».

Lonxe de botar as campás ao voo, o xerente de D.S. Salgado declara que «estamos intentando dar servicio a nuestros clientes. Pero no sabemos qué pasará en un mes. Que todos tengamos suerte». Na súa firma a parte do traballo para despexar con éxito a ecuación xa está no papel.