O Cortegada baixa o telón cun triunfo sobre o ADBA

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Mónica Irago

Sara Gómez liderou unha vez máis o conxunto vilagarcián (70-59)

13 abr 2019 . Actualizado a las 22:13 h.

Finalmente, a A.D. Cortegada pechou a tempada 2018/19 na Liga Feminina 2 con máis vitorias, 14, ca derrotas, 12. Cun posto gris na metade da táboa, a tres triunfos do cuarto e último clasificado para a fase de ascenso, o Barça C.B.S. do exadestrador do Extrugasa Isaac Fernández, que lle arrebatou o premio na derradeira xornada da fase regular ao Construcción Ardoi cun 74-63 no seu duelo directo en cancha catalana.

No parqué do Pavillón Municipal de Fontecarmoa o Cortegada dobregou na súa despedida o Inmobiliaria Víctor Antuña ADBA, 70-59. Un equipo que ameazou con agriarlle a tarde ás de Rubén Domínguez exprimindo a pobre saída a pista das vilagarciás, reflectivo no 12-20 ao termo do primeiro cuarto (12-22 no inicio do segundo). Tras axustar a defensa, e imprimíndolle máis ritmo ao ataque, o Cortegada virou a tortilla, índose ao descanso 40-35 tras un parcial de 28-15. Un novo parcial, de 18-7, deixou o choque resolto a falta dos últimos dez minutos, nos que Rubén Domínguez lles deu minutos ás tres xuvenís que esta tempada traballaron na dinámica do primeiro equipo, Nerea, Yésica e Sofía.